A cidade recoñece aos mellores atletas vigueses de 2025
A Gala de Atletismo recoñecerá un ano máis aos mellores e ás mellores deportistas desta modalidade durante 2025. Esta tarde, o alcalde participará na entrega de 89 distincións nun evento organizado no Auditorio Municipal.
O Auditorio Municipal será esta tarde a sede na que se renderá homenaxe ao mellor atletismo vigués. A partir das 20,00 h comezará a Gala do Atletismo na que este ano se entregarán 89 distincións entre as que están a proba máis destacada de 2025; a mellor proba de mini cross; campións e campioas das series municipais ou o premio traxectoria. Tal e como destacou Caballero, tamén se recoñecerá ao mellor club así como á Policía Local, Protección Civil e Vodea que traballan arreo para que a loxística funcione.
A gala, con entrada libre ata completar aforo, ten este ano un significado especial pola xa anunciada concesión do recoñecemento Vigueses e viguesas Distinguidos á organización e as carreiras do circuíto RunRunVigo porque “o atletismo xa é unha cultura na cidade”.