O goberno local avanza na construción de 200 vivendas públicas de Santa Cristina
Abel Caballero avanzou que a Xerencia de Urbanismo aprobará a redacción do proxecto de urbanización cun importe de 41.000 euros
O alcalde anunciou hoxe que a construción das 200 vivendas públicas en Santa Cristina de Lavadores avanza “a moi bo ritmo”. A Xerencia de Urbanismo aprobará a próxima semana a redacción do proxecto de urbanización, cun investimento de 41.000 euros e un prazo de execución de cinco meses. Este paso supón un avance decisivo para o desenvolvemento desta actuación urbanística, que ordenará un ámbito de máis de 12.000 metros cadrados.
O ámbito contempla 3.200 metros cadrados de zonas verdes, o que representa a cuarta parte da superficie total, así como unha parcela de equipamento público de 1.600 metros cadrados. As vivendas estarán distribuídas arredor dunha praza central. Ademais, a urbanización contará cun vial perimetral que conectará coa rotonda xa existente na zona, situada diante do actual parque central do Concello.