Escoitar

VigoCultura estrea a programación de 2026 con 27 novos espectáculos

O venres 30 de xaneiro comeza na Porta do Sol a programación para o primeiro semestre de VigoCultura 2026 con “Carman”, unha comedia para todos os públicos. A nova oferta cultural que poderá verse entre as rúas do Príncipe, Porta do Sol e o Auditorio Municipal inclúe comedia, monólogos, teatro clásico e contemporáneo así como maxia, para atender ás preferencias escénicas de todos os públicos. “VigoCultura” é a “repetición dun éxito comprobado”, afirmou o alcalde. A venda de entradas e abonos comezará o 19 de xaneiro ás 10:00h. na páxina www.giglon.com e na Papelería Folder Progreso (Rúa do Progreso 22).

venres, 16 xan 2026

Abel Caballero presentou hoxe, coa primeira tenente de alcaldía Carmela Silva, o concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, e os responsables dos museos MARCO, Liste e Laxeiro, a programación de “Vigo Cultura” que ata o verán levará a escena 2 espectáculos de rúa; outros 16 para público adulto e 9 para espectadores infantís e familias. A venda de entradas e abonos comezará o 19 de xaneiro ás 10:00h. na páxina www.giglon.com e na Papelería Folder Progreso (Rúa do Progreso 22).

A programación comezará a fin de semana do 30 e 31 de xaneiro cos espectáculos “Carman” e “O Mundo do Circo”. Ambas as actuacións serán ás sete da tarde na Porta do Sol e ante o Museo Marco para discorrer por Príncipe. 

A partir do domingo 1 de febreiro o Auditorio Municipal acollerá 25 representacións do programa municipal que comezará coa representación da obra “Os jugoslavos” cun elenco encabezado por Javier Gutiérrez. A oferta cultural municipal contará coa posta en escena da obra “Rey Lear”, de Shakespeare, interpretada pola “Compahia do Chapitó” de Portugal. Ademais, haberá dúas estreas: “Brazaletes” e “Señores”.

O programa inclúe obras con temas relacionados coa celebración do “Día Internacional da Muller”, os días 8 e 14 de marzo; do Día Mundial do Circo, os días 18 e 19 de abril, e do Día Internacional da Danza nos días 24, 25 e 26 de abril. Caballero destacou a actuación de Rosa Cedrón coa xira “30 anos de música galega”.

“Vigo Cultura é un éxito extraordinario, practicamente cheo en todas as actuacións e iso significa que en Vigo temos unha demanda de cultura importantísima”, afirmou o alcalde ao reivindicar que a cidade tamén “é unha fábrica de cultura”.

Museos

O rexedor explicou que a Xunta de Goberno aprobou hoxe as axudas ás fundacións do MARCO, de Laxeiro e Liste por máis dun millón de euros. Por museos, o MARCO recibe 770.000 euros; Liste 127.000 euros e Laxeiro 120.000 euros. A estes hai que sumar os orzamentos da Pinacoteca, Casa das Artes, Verbum e Casa Galega da Cultura e de Castrelos.

“Temos a rede de museos municipais máis importantes de España”, recalcou Caballero, ao apuntar que en 2025 rexistrouse un aumento do número de visitantes, case do 7 por cento, coa presenza de máis de 311.000 visitantes, e que o obxectivo para este ano é aumentar nun 4 por cento e incrememtar os fondos plásticos.

 

Descargar todas as imaxes