“Vigo, un Nadal de 365 días”, a presentación da cidade en Fitur
O Concello presentará este xoves, 22 de xaneiro, na Feira Internacional de Turismo de Madrid, a proposta turística de Vigo para o ano 2026. Será no espazo de Turespaña “o máis importante de Fitur”, ás 14:00 horas e poderá seguirse a través da web municipal.
“Vigo é un destino turístico imprescindible nestes momentos; o destino turístico máis importante de longo en Galicia, o que destaca en España; e o Nadal tira do conxunto do turismo durante todo o ano”, avanzou o alcalde ao sobre a presentación turística do Concello en Fitur.
O lema da campaña para este 2026 é “Vigo, un Nadal de 365 días” porque “temos que facer que Vigo sexa o destino de tantos millóns de persoas todo o ano. No Nadal temos millóns de visitantes, que son os nosos prescriptores, pero queremos que todo o mundo saiba que o Nadal se desenvolve en 365 días porque temos unha oferta para cada un dos 365 días do ano e unha oferta única, nunha cidade irrepetible, con garantía de diversión absoluta”, sinalou.
Co Nadal como núcleo central da nosa proposta turística, “como fenómeno turístico máis importante de Galicia”, Vigo dará a coñecer os seus valores en Fitur, por exemplo, no ámbito deportivo: O Marisquiño, o Celta de Vigo, o novo estadio de Balaídos, o deporte de base. Tamén poñerá en valor os concertos de Castrelos, que financia o Concello; o desenvolvemento cultural da cidade, os paseos polo monte, a nosa forma de entender a natureza. En definitiva, apunta Caballero “a nosa forma de facer cidade, nunha cidade limpa, segura, cómoda e extraordinaria para vivir, para vir e gozar”.
Os presentadores do acto, que se celebrará no espazo de Turespaña “o máis importante de Fitur, serán os xornalistas vigueses Paula Montes e Luis García Rey.
Vigo Film Office
O Concello tamén levará este xoves a Fitur o proxecto da Vigo Film Office, baixo o lema “Nadal de Vigo: un plató a ceo aberto” que, para o rexedor “forma parte complementaria do noso proxecto turístico”. Será no auditorio de Fitur Screen de 11.30 a 12 horas.
A presentación contará coa participación de Amaia Mauleón, directora da Vigo Film Office, e de Santiago Romero (director de Verve Creative Group e responsable dos anuncios do Nadal da Lotería Nacional e de Mutua Madrileña).
Ademais, o venres 23 no espazo Fitur Screen entréganse os premios á Mellor Produción do Ano, onde se valora o impacto que esa produción ten nun territorio. A gañadora, a proposta de Vigo, é o filme “Romería” de Carla Simón, “o que nos segue poñendo no plató do turismo de forma importante”.