Comezan as obras do VgoTIC Global HUB de López Mora
Caballero e Regades supervisaron o inicio dos traballos e os preparativos de todo o proceso.
A Zona Franca de Vigo iniciou hoxe as obras que transformarán o complexo de López Mora, o VgoTIC Global HUB, no Centro Tecnolóxico máis relevante de Galicia como unha das grandes infraestruturas de emprendemento e de xeración de emprego.
Unha vez que o Concello asinou este martes a licenza, hoxe comezaron os preparativos do proceso de demolición do primeiro dos catro edificios do complexo, o Edificio 4, que albergará a futura Incubadora de Alta Tecnoloxía StartTIC, con 3,5 millóns de euros de financiamento europeo, que o Consorcio xestionará con Gradiant e a Cámara de Comercio como socios. O edificio, do que se conservará a súa estrutura interior, espérase que estea demolido a próxima primavera. A esta demolición seguiranlle a dos edificios 1, 2 e 3 que, entre outros servizos, acollerán o Centro de Negocios e Usos Múltiples e o Centro de Excelencia do Aeroespacial e de Defesa de INDRA.
O inicio dos traballos foi supervisado este mediodía nunha visita do delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que confirmaron que o proceso continuará nos próximos meses coa licitación das obras e a execución do proxecto, redactado pola Premio Nacional de Arquitectura 2021, Carme Pinós.
Abel Caballero puxo en valor “a total rexeneración de todos os edificios, as notables melloras arquitectónicas que se van a implementar, a nova praza pública que vai gañar a cidadanía e a localización de alta tecnoloxía en Vigo. Seguimos avanzando". Pola súa banda, David Regades destacou que “este proxecto é unha das nosas grandes prioridades, que nos reafirma como polo tecnolóxico de máximo nivel e que, ademais, abrirá á cidade un espazo ata o de agora pechado á xente que será un punto de encontro froito desta transformación urbana”. O delegado do Estado destacou “os 19.000 metros cadrados construídos nunha zona tan céntrica de Vigo e os moitos servizos que terán as empresas: aceleradoras, espazos de oficinas, e un centro de negocios para as TIC que vai ser un referente en toda Europa”.
Desta forma Vigo, ademais de referendar a súa posición nas TIC e a innovación, gañará un novo espazo público aberto, transitable e que comunicará diferentes niveis e rúas a través dun xardín, unha gran praza, e xerando un espazo para todos e todas. Trátase un proxecto de reforma integral para crear un novo complexo, cun novo proxecto de rexeneración urbana e unha nova forma de deseñar cidade.