Escoitar

O alcalde anima á cidade a gozar do XIV Concurso de Instrumentos de Corda “Cidade de Vigo”

Desde este xoves e ata o domingo 7 de decembro o Conservatorio Superior de Música de Vigo acolle unha nova edición do certame que reunirá a 62 músicos, intérpretes de violín, viola, violonchelo e contrabaixo.

mércores, 3 dec 2025

O alcalde avanzou este mércores que o XIV Concurso de Instrumentos de Corda Cidade de Vigo reunirá durante catro xornadas a “xente moi nova cargada de talento e calidade artística” e sobre as catorce edicións do certame apuntou que “estamos creando un espazo de referencia para a música de corda e para unha forma de entender a música desde a cidade”. Así, convidou a toda a cidade a gozar da oferta musical destes días.

Na presentación do concurso celebrada este mércores, participaron Elizabeth Taylor, presidenta da Asociación Galega de Instrumentos de corda (AGIC); Ana Otero, vogal, e Pedro Fernández, secretario da entidade, así como Gorka Gómez, concelleiro de Cultura. Taylor puxo en valor o certame que sendo de tamaño “pequeno cobre toda a Península Ibérica e é un éxito”. Amais, agradeceu o apoio do Concello e do alcalde.

A convocatoria deste ano destaca pola elevada calidade artística do alumnado, a presenza de novos centros de formación e unha maior diversidade nos repertorios, elementos que reforzan o espírito do concurso: apoiar o talento novo e ofrecer unha plataforma real de crecemento musical. As probas, abertas ao público, culminarán co Concerto Final de Gañadores, que terá lugar o domingo 7 ás 18:30 horas no Conservatorio Superior de Música de Vigo. A entrada será libre ata completar aforo.

O xurado do Concurso de Corda “Cidade de Vigo” estará presidido de novo polo Mestre Maximino Zumalave (Fundador e Director Asociado da Real
Filharmonía de Galicia), acompañado por un panel de profesorado de recoñecido prestixio en Galicia e Portugal: Marta Vélez, profesora de Violín e Música de Cámara no CSM de Vigo; Leonardo Blanco, profesor de Violín no Conservatorio Profesional de Música de Vigo; Miguel Rocha, profesor de Violoncelo en ESART Lisboa; Antonio Pereira, profesor de Viola na
Universidade de Aveiro (Portugal); Juan Carlos Villar, profesor de Contrabaixo do Conservatorio Profesional de Música de Vigo; Fernando Areas Villarroel, profesor de Violoncelo no Conservatorio Profesional de Vigo e Enrique Iglesias Precedo, violinista na Orquestra Sinfónica de Galicia.

 

Descargar todas as imaxes