Escoitar

Caballero celebra que a Xunta acceda finalmente a unha taxación acordada para o IFEVI

O alcalde anunciou que a Xunta de Galicia remitiu unha carta na que “por fin acepta” que Concello, Xunta e Zona Franca seleccionen de maneira conxunta unha empresa tasadora para determinar o valor da participación de cada administración nas instalacións do IFEVI. “Era o lóxico e era o razonable; non podía ser doutra forma”, destacou.

mércores, 3 dec 2025

Caballero celebrou este avance, aínda que lamentou o tempo perdido: “É un paso substancial, pero é unha mágoa que se perderan seis meses. Nesta altura poderiamos estar xa elaborando proxectos, iniciando expropiacións e avanzando na obra de ampliación do IFEVI”.

O rexedor lembrou que esta situación naceu “porque desde a Zona Franca quixemos pagar un novo pavillón no IFEVI, dado que a Xunta non o quería financiar, mentres que o Concello quere garantir a celebración de Conxemar nas mellores condicións”. Segundo detallou, a proposta supón construír unha nova nave financiada pola Zona Franca, cun investimento estimado de entre 18 e 20 millóns de euros.

Segundo explicou, para facelo posible, é necesario definir un novo sistema de xestión. “Nas conversas falamos de que Zona Franca, Xunta e Concello participemos a terzos nun modelo no que todas as decisións teñan que adoptarse por unanimidade. Pero para iso é imprescindible taxar e ter unha valoración oficial”, indicou Caballero.

O alcalde avanzou que proporá unha reunión entre Xunta, Concello e Zona Franca para pactar unha empresa taxadora “que as tres partes aceptemos de antemán”. Unha vez acordada, engadiu, “Zona Franca estará en condicións de aportar os 18-20 millóns de euros que supón a nova nave”.

Caballero concluíu lembrando que “quen debería pagar esta ampliación é a Xunta, pero non o fai. Por iso, desde a Zona Franca imos ampliar o IFEVI e salvar Conxemar”.

Descargar todas as imaxes