Escoitar

O INE certifica o incremento de habitantes de Vigo

Abel Caballero explicou a ocupación hoteleira de novembro sinalando que “case a metade dos visitantes internacionais proveñen de Portugal”.

mércores, 3 dec 2025

“Xa coñecemos os datos do INE con respecto ao número de habitantes de Vigo a 1 de xaneiro do ano 2025”, no que a cidade rexistrou 295.735 habitantes. O mesmo censo do INE dun ano antes, a 1 de xaneiro do ano 2024, era de 293.977 habitantes, “o que significa que durante o ano 2024 subiu a súa poboación en 1.758 habitantes”.

Caballero explicou que nestes intres, o padrón municipal de Vigo conta con 304.162 habitantes, e prevé que remate o ano “ao redor dos 305.000”. Contando o desconto habitual do INE sobre esta cifra, xa que este organismo “sempre coñece mellor ca nós as baixas que non se notifican aquí, pero si se dan altas noutros municipios”, no 2025 “imos aumentar máis o número de habitantes máis que no ano 2024”.

Ocupación hoteleira

No mes de novembro a ocupación hoteleira foi do 70,5%, o que para o rexedor é “un nivel de ocupación excepcional, e absolutamente fóra de serie”. O ano pasado estivo por enriba do 68%, e esta vez xa superou o 70%, cando “en novembro en Vigo, a ocupación hoteleira era practicamente nula”.

Do resto de Galicia veñen un 12% e do resto de España chega o 55%. Os internacionais supoñen un 32,5%, “e deses case a metade proveñen de Portugal”. Un 5% de Alemaña, un 3,5 de Estados Unidos, e a mesma cifra de Italia e tamén de Francia. “É un tirón importantísimo para o emprego e para a economía de Vigo”, finalizou o primeiro edil.

Descargar todas as imaxes