Escoitar

Caballero dá o bandeirazo de saída a outro Torneo de Nadal de récord para o fútbol base

Abel Caballero, alcalde de Vigo, deu o bandeirazo de saída para a undécima edición do Torneo de Nadal Concello de Vigo, que durante tres días reunirá a 178 equipos de trinta e dous clubs repartidos en seis categorías, catro de fútbol 8 e dous de fútbol 11, en once campos municipais, coas finais no Municipal Pahiño de Navia.

martes, 2 dec 2025

“Seguimos batendo récords con respecto á participación”. Así arrincou o rexedor a enumeración de datos sobre un torneo iniciado en 2013 e que ano a ano segue a cerces para satisfacción do fútbol local.

De venres 26 a domingo 28 deste mes -o torneo comprímese para rematar coma sempre en xornada dominical-, a organización estima que se mobilizarán uns 2.800 participantes, entre futbolistas e cadros técnicos. En 2024 xogárono 160 equipos, entre os conxuntos locais e os do torneo internacional alevín, cun total 2.313 xogadores.

Para o alcalde, non hai dúbida: “É o maior torneo de Nadal de fútbol base de Galicia e seguramente o maior de España en canto a número de participantes”, dixo.

Catro categorías de fútbol 8 (prebenxamín, benxamín, alevín e feminina) e dúas de fútbol 11 (infantil e cadete) pechan o ano futbolístico e dan continuidade ao outro gran torneo que no verán organiza o Concello, a Vigo Cup. De novo nesta edición a delegación en Vigo da Real Federación Galega de Fútbol colabora co evento.

O rexedor, acompañado polos concelleiros Manel Fernández (Deportes) e María Lago (Turismo), representantes da organización (Milucho Alonso, José Luis Rial e Manu Dacruz), varios patrocinadores privados (Avanza Vitrasa, Gadis, Naviera Mar de Ons, Hyupersa Vigo -Hyundai- e CdeC), o colectivo arbitral e directivos dos clubs, celebrou a forza do campionato, que multiplicará o número de partidos (392 o Nadal pasado, uns 450 nesta edición), recuperou a categoría feminina e dobra a festa final do torneo internacional alevín ao xogarse tamén en categoría benxamín.

Así, haberá cuadrangular benxamín e alevín entre Celta –“que é o mellor”, apuntou o alcalde-, Deportivo da Coruña e o FC Porto, aos que se sumarán os respectivos campións do torneo local de ambalas dúas categorías.

“Grazas por contribuír de xeito tan importante ao fútbol base de Vigo”, dixo Caballero aos presidentes dos clubs (Miguel Román, do Racing de Castrelos, Mari Carmen Martínez, da UVCD Candeán, e Antonio Collazo, do CD Teis) e ao resto de representantes dos do fútbol vigués. Para o alcalde, o Torneo de Nadal “é unha mobilización extraordinaria de fútbol e é case imposible atopar outra igual”.

Descargar todas as imaxes