Abel Caballero avanza a instalación de 60 mupis de Nadal na cidade
O rexedor destacou, tras a elevada ocupación da fin de semana, que “seguimos sendo a gran cidade do Nadal de España” na que “temos un número elevadísimo de visitantes dos nosos irmáns portugueses”.
“Incorporamos a cidade de Vigo aos mupis de Nadal e estanse instalando neste momento 60 mupis por toda a cidade”, relatou Caballero, explicando que se suman aos 820 que xa locen en todo o mundo, o que fai “un total de 880”. Trátase dun novo incremento, dado que o ano pasado foron 685, hai 2 anos 626 e hai 3 anos 481.
En España instaláronse 629 en 35 cidades nas que destacan cifras como: Madrid con 100; en Málaga 93; en Bilbao 37; en Sevilla 34; en Barcelona 21; en Zaragoza 20; na Coruña 18 e en Oviedo, Xixón, Valladolid, Valencia e Santander serán 10, en cada unha. En Portugal 142, fundamentalmente no Porto, que son 90, pero tamén están presentes en Braga, en Coimbra, en Viana do Castelo, en Guimaraes, en Aveiro. O rexedor explicou que “temos un número elevadísimo de visitantes de Portugal, dos nosos irmáns portugueses”.
Tamén estamos presentes en París con 15 mupis, en Roma con 10, en Nova York con 10 e esta vez en Kawasaki con 14 mupis. “É o máis importante é que non nos custan nada, non lle custan nada á cidade”, afirmou Caballero.
Ocupación hoteleira
“Seguimos sendo a gran cidade do Nadal de España”, relatou o primeiro edil, detallando os datos de ocupación da fin de semana, onde a cidade obtivo o venres un 90,48%, o sábado subiu a case o 93% e o domingo foise ao 98%. Este luns, festivo polo Día da Independencia en Portugal, “está todo cheo outra vez e, polo tanto, estamos tendo uns niveis de ocupación que non houbo nunca nesta cidade”.