Caride insiste na necesidade dunha taxación dos activos do IFEVI acordada por unanimidade
A representante municipal no Padroado do IFEVI, María José Caride, informou da negativa do padroado a aceptar a solicitude do Concello para contratar unha empresa homologada que realice a taxación dos bens achegados pola Xunta e o Concello. Amais, sinalou “erros significativos” como a titularidade do solo que lle imputa á Xunta: “A titularidade é do Concello, é solo aportado polo Concello, expropiado polo Concello e pagado polo Concello”, afirmou
Caride destacou que o informe presentado pola dirección do IFEVI si pon de manifesto que o Concello de Vigo tiña razón. Confirmou que a valoración que facía a Xunta de Galicia de 1,6 millóns de euros dos bens achegados polo Concello de Vigo era "ridícula". O novo documento eleva a valoración da achega municipal a aproximadamente 15 millóns de euros e, no referido á Xunta de Galicia, recolle que a súa valoración previa de máis de 31 millóns de euros estaba "inflada". O informe presentado hoxe situou a achega da Xunta en 20,6 millóns de euros.
Desde o Concello reclámase a corrección desta situación mediante un informe e unha taxación oficial que as dúas partes acorden. Sinala a edil de Urbanismo que fixar a situación de partida correctamente é "moi importante", xa que o IFEVI ten un futuro por diante no que precisa ampliarse para atender ás necesidades de Conxemar. Ademais, existe unha solicitude de incorporación ao IFEVI de Zona Franca, que vén acompañada dunha achega de 18 millóns de euros. “Fixar a situación de partida de forma correcta é esencial para o novo escenario de tres administracións que achegarán bens á constitución do IFEVI”.
Denuncia pola “apropiación” do padroado do IFEVI
A edil denunciou que o Concello, que achegou 15 millóns de euros segundo o informe presentado (dos 35 millóns que din que constitúen o patroado), ten unicamente un representante de 14 no padroado. Pola contra, a Xunta de Galicia ten nove representantes de 14.