Escoitar

O alcalde rexeita a actuación da Xunta na valoración do IFEVI e esixe unha taxación independente

Abel Caballero lamenta o engano da Xunta ao Concello na primeira valoración dos activos, onde o conselleiro de Emprego e Comercio atribuíu unha achega de 1,7 millóns do Concello e 31,4 millóns do goberno autonómico. Agora, sete meses despois, a Xunta volve facer unha taxación unilateral na que modifica estas cantidades e suma 13,2 millóns máis ao Concello e resta 11 millóns á Xunta. Caballero avanza que o Concello pedirá na xuntanza do Padroado un taxador neutral e acordado.

luns, 24 nov 2025

Caballero avanzou que o Concello e a Zona Franca proporán formalmente a realización dunha taxación independente e acordada entre as partes, fronte ao que cualifica como “manipulación interesada” da valoración económica feita polo Goberno autonómico.

O rexedor explicou que, nas conversas mantidas coa Xunta para garantir a ampliación do IFEVI, a Zona Franca se ofrecera “de forma xenerosa” a asumir o custo da ampliación. Porén, indicou que ese acordo requiría establecer previamente un marco claro de funcionamento e contribucións ao recinto feiral.

O Concello recibiu unha carta do conselleiro de Emprego e Comercio, no mes de abril, na que a Xunta atribuía ao Concello unha valoración dos activos de 1,7 millóns de euros, fronte aos 31,4 millóns que se atribuía a si mesma. “Eran cifras calculadas ata cos céntimos”, sinalou. Agora, é coñecido, en palabras do responsable autonómico, que nunha nova valoración o Concello achegou 14,9 millóns, mentres que a Xunta baixaba a súa contribución a 20,6 millóns. “En sete meses a achega do Concello multiplicouse por dez segundo a propia Xunta. A diferenza entre unha valoración e outra é de 24,2 millóns. É unha falsidade monumental”, afirmou.

“Queremos salvar Conxemar, tanto o Concello como Zona Franca, polo tanto proporemos unha taxación independente acordada polas partes”, concluíu.

Descargar todas as imaxes