Escoitar

Caballero, satisfeito co compromiso do Ministerio co AVE Vigo – Madrid directo por Cerdedo

O rexedor subliñou que o propio ministro de Transportes lle transmitiu que Vigo mantén garantido o seu enlace directo con Ourense e Madrid a través de Cerdedo, e que o plano utilizado na presentación da AV350 “carece de relevancia, pois corresponde exclusivamente á relación Madrid–Barcelona”.

venres, 21 nov 2025
Arquivo
Arquivo

O alcalde aclarou que o mapa no que non aparecía a conexión directa Vigo–Madrid por Cerdedo responde unicamente a unha presentación técnica elaborada por unha empresa para explicar a liña Madrid–Barcelona a 350km/h e sen ningunha relación cos proxectos comprometidos polo Ministerio de Transportes coa cidade de Vigo. Caballero lembrou que os prazos acordados se están cumprindo e que o proxecto continúa avanzando “en detalle e tal e como Vigo demanda”.

Ademais, Caballero destacou que tamén se están cumprindo os compromisos relativos ao AVE Vigo–Porto, asegurando así que confía no avance de ambos os proxectos: “Eu créoo. Seguiremos atentos e vixiantes a todo o que teña que ver cas novas conexións ferroviarias de Vigo. Non hai nada máis importante que o Vigo–Madrid directo por Cerdedo”. O alcalde insistiu en que o Ministerio continúa considerando esta conexión unha prioridade e “unha realidade nas liñas futuras próximas da alta velocidade entre Madrid e Galicia”.

Para reforzar a visibilidade desta reivindicación, Caballero anunciou que manterá a convocatoria dun concerto previsto “para seguir transmitindo con música a importancia do Vigo–Madrid directo por Cerdedo”. Concluíu asegurando que “os proxectos de Vigo seguen a ser un compromiso de primeira magnitude para o Ministerio de Transportes e para este Goberno”.

Descargar todas as imaxes