A Corporación urxe á Xunta un plan para rebaixar as listas de espera para intervencións ou probas
Os grupos municipais do PSOE e do BNG acordaron no Pleno de hoxe, coa oposición dos edís do PP, instar á Xunta a poñer en marcha un plan para rebaixar os tempos de espera de acceso a unha intervención cirúrxica e a probas como as radiolóxicas.
“As listas de espera empeoran na área sanitaria de Vigo” asegurou este luns o voceiro do grupo municipal socialista, Carlos López Font, ao sinalar que Vigo afronta tres puntos críticos en Sanidade: atención primaria, listas de espera e atención á saúde mental. “Por moito que se empeña a Xunta en dicir que melloran, as listas de espera en cirurxía en Vigo non fan máis nada que empeorar”, afirmou o edil ao apuntar que a 30 de xuño 76.000 residentes da área de Vigo esperaban a ser atendidos.
“Esiximos respostas serias”, reclamou o portavoz socialista ao indicar que a Xunta “non quere ou non sabe dar respostas” a unhas listas de espera que xeran malestar entre a cidadanía.
Font recalcou que “Vigo necesita garantir unha atención sanitaria de calidade e sostible na rede pública” e que a calidade que existe na actualidade está determinada polos profesionais e non pola administración galega .
Carlos López Font explicou que a promesa de 2023 do presidente da Xunta de reducir a 54 días os prazos de espera non só non se cumpriu senón que se viu aumentada en 17 xornadas, “por encima dos tempos do resto de Galicia”. “Descoñécese a realidade das listas de espera”, recalcou porque o Sergas, coa lista non estrutural, “non computa” correctamente os datos totais. “Hoxe hai máis xente esperando e a Xunta non pode presumir de nada nin compararse con outras comunidades porque non é transparente nos datos”. “Os enfermos de Vigo necesitan unha resposta inmediata da Xunta” tanto en primaria como no resto da atención sanitaria, demandou Carlos López Font.
Facultade de Medicina
O Pleno tamén reprobou hoxe, cos votos a favor do grupo municipal socialista e a oposición dos edís do PP e do BNG, ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Sanidade, por rexeitar a demanda de crear unha facultade de Medicina na Universidade de Vigo e “manter os privilexios de Santiago”.
O portavoz socialista incidiu en que mentres Galicia mantén unha única facultade, comunidades como Castela e León contan con catro e que o acordo de descentralización dos tres últimos cursos de docencia e práctica clínica “o único que trata é de manter os privilexios da Universidade de Santiago e o obxectivo do presidente da Xunta que Vigo non tivese unha facultade propia”. O grupo socialista anuncia que seguirá “loitando” porque Vigo conte cunha facultade propia.