Escoitar

O Pleno ratifica o seu compromiso coa loita contra a violencia de xénero

A moción socialista, que reclama tamén implementar as accións contempladas no Pacto de Estado, foi aprobada na sesión ordinaria deste luns cos votos en contra do grupo municipal popular e a abstención dos nacionalistas.

luns, 24 nov 2025

A concelleira de Igualdade, Laura Iglesias, defendeu no Pleno a moción coa que o grupo socialista ratifica o compromiso do Concello coa loita contra a violencia de xénero en todas as súas expresións e amosa o apoio ás iniciativas de sensibilización e educación en igualdade e prevención da violencia poñendo unha atención especial na infancia, a adolescencia e a mocidade.

No marco do 25 de novembro, o Pleno Municipal súmase á chamada global impulsada polas Nacións Unidades e comprométese a implementar, dentro das súas competencias, todas as accións contempladas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, aprobado en febreiro deste ano 2025, e colaborar co tecido asociativo que traballa pola igualdade e a loita contra a violencia de xénero. Amais, o texto recolle a “vital importancia” de continuar traballando para que de forma urxente se aprobe a lei de violencia vicaria, a “forma máis cruel de violencia machista”, para seguir reforzando a atención integral ás vítimas, para aumentar a formación especializada de tódolos profesionais implicados e para que o Pacto de Estado se cumpra e se implante de forma efectiva.

Edificios dos antigos xulgados

A Corporación Municipal deu luz verde este luns á moción do grupo socialista que rexeita a incautación do edificio dos antigos xulgados e doutro patrimonio municipal, a través dunha medida incluída na Lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta de Galicia. O Pleno insta ao Goberno da Xunta a retirar integramente a citada disposición do texto lexislativo e advertir, no caso de que non se faga, da adopción dun acordo institucional e ilegal por parte do Parlamento, dando traslado do acordo á Presidencia da Xunta de Galicia, á Vicepresidencia primeira e Consellería de Facenda e Administración Pública, á consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes así como á FEGAMP e aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia.

A moción defendida polo edil de FAcenda, Jaime Aneiros, saíu adiante cos votos favorables de socialistas e nacionalistas e coa oposición dos populares.

Descargar todas as imaxes