Escoitar

Declaración Institucional polo 25 de novembro

Rosario Otero, presidenta da Asociación Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos de Vigo foi a encargada de ler este luns no Pleno Municipal a declaración institucional con motivo do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller

luns, 24 nov 2025
Rosario Otero leu a Declaración Institucional do 25N
Rosario Otero leu a Declaración Institucional do 25N

O 25 de novembro non é un día calquera. Foi instaurado polas Nacións Unidas en 1999 en lembranza das irmás Mirabal, as dominicanas Minerva, Patria e María Teresa, asasinadas pola ditadura de Trujillo en 1960 por defender a liberdade e os dereitos das mulleres. Dende entón, cada ano, esta data convértese nun clamor mundial contra a violencia machista, unha violencia que non entende de fronteiras, idades, nin clases sociais, e que segue a ser unha das máis graves violacións dos dereitos humanos no mundo enteiro.

E por isto un ano máis, reunímonos neste espazo para lembrar que a violencia contra as mulleres segue sendo unha das máis graves e persistentes feridas da nosa sociedade. No 2025, a pesar dos avances logrados, o número de mulleres asasinadas, agredidas ou silenciadas continúa a ser inaceptable. A violencia machista segue aí, adoptando novas formas, estendéndose tamén polos espazos dixitais, nas redes, e reproducíndose entre xeracións que naceron xa baixo leis de igualdade. Hoxe, máis de vinte anos despois da aprobación en España da Lei Orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, seguimos tendo que erguer a voz. A realidade amósanos que, malia os avances, a violencia contra as mulleres continúa moi presente.

En 2024 rexistráronse en España máis de 101.000 casos activos no sistema VioGén, e en 2025 aumentaron un catro por cento as denuncias con respecto ao ano anterior. Ademais, máis de 52.000 deses casos afectan a mulleres con menores ao seu cargo, o que fai evidente que a violencia non só destrúe vidas, senón tamén infancias. Estes datos son máis que cifras: son rostros, historias, medos e silencios que non podemos aceptar como inevitables.

A medida que estas cifras aumentaron tamén o fixo a resposta negacionista da violencia de xénero, que pretende desvirtuar a súa natureza e poñer en dúbida o seu carácter estrutural. Intentos de derrogar políticas específicas de protección, de cuestionar a terminoloxía e de debilitar recursos institucionais que poñen en risco conquistas fundamentais das últimas décadas. Non se pode retroceder. Ningunha sociedade democrática e libre pode permitirse mirar cara outro lado mentres se vulneran dereitos humanos básicos.

A violencia contra as mulleres non é un problema privado nin individual, é unha cuestión estrutural, froito dun sistema que segue a colocar os homes nunha posición de poder e ás mulleres nun lugar de subordinación. Mentres isto non se transforme de raíz, non rematará a violencia.

A educación —nas aulas, nas familias e nos medios— é a ferramenta máis poderosa para romper este círculo. Educar en igualdade, en empatía, en respecto, é investir en futuro. Precisamos formar a nenas e nenos, mozas e mozos, nunha cultura do respecto, da empatía e da igualdade real. Non abonda con ensinar a “non ser violentos”: cómpre aprender a recoñecer as desigualdades, a cuestionar os roles impostos e a construír relacións libres de control e de medo.

Nos últimos meses, vimos con preocupación como se multiplican os discursos misóxinos en Internet, as campañas de acoso dixital e a banalización da violencia sexual a través de contidos virais. Cada mensaxe, cada vídeo, cada “broma” que perpetúa o desprezo ás mulleres é unha arma que alimenta a violencia. É tempo de dicir alto e claro: non imos toleralo. A liberdade e a dignidade das mulleres non son negociables. As novas formas de violencia tamén nos interpelan. A violencia dixital, o acoso en redes, a difusión non consentida de imaxes íntimas ou o control tecnolóxico das parellas son expresións actuais do mesmo patriarcado que historicamente intentou dominar e silenciar ás mulleres. Por iso, a loita pola igualdade debe actualizarse, expandirse e adaptarse a estas novas realidades.

Non podemos esquecer tampouco ás mulleres que loitan noutras partes do mundo por dereitos fundamentais: ás iranianas que desafían leis inxustas, ás afgás privadas de educación, ás palestinas, ucraínas e sudanesas que sofren a guerra e a violencia armada nos seus corpos. A súa valentía é un recordatorio de que a igualdade é unha causa global.

Neste 25 de novembro, afirmamos con forza o noso compromiso colectivo: nin un paso atrás. Esiximos políticas sólidas, recursos suficientes e unha sociedade que non tolere nin xustifique nunca máis a violencia machista en ningunha das súas formas.

 

 

 

 

É tamén responsabilidade das institucións garantir unha atención integral, áxil e eficaz para todas as vítimas, asegurando recursos suficientes, acompañamento psicolóxico, protección efectiva e reparación social. As mulleres que sofren violencia non deben atoparse soas nin desamparadas por un sistema que ás veces chega tarde ou non chega de todo.

Neste 25 de novembro lembramos a todas as vítimas da violencia machista. Mulleres que foron asasinadas, que sufriron agresións, que foron silenciadas ou que aínda hoxe viven co medo como compañeiro diario. A súa memoria debe guiarnos e empurrarnos a seguir loitando.”

Descargar todas as imaxes