A San Silvestre 2025 de Vigo busca o récord de participación no seu vixésimo aniversario
A carreira solidaria celebrarase o mércores 31 de decembro ás 12:00 horas, mantendo o seu horario matinal. O alcalde debullou os detalles desta proba deportiva e lúdica xunto ao resto de entidades patrocinadoras. “Sairá da Porta do Sol -lugar que se repite dende o ano 2022, sendo esta a cuarta edición consecutiva- cun percorrido que oscila entre 4 e 4,5 quilómetros”, explicou.
O alcalde subliñou o espírito lúdico e solidario da proba: "Queremos récord de participación porque é unha proba lúdica e convido á cidadanía a que veñan disfrazados”. O rexedor fixo fincapé no carácter benéfico da cita: "É unha carreira solidaria co Banco de Alimentos. Poderán facerse doazóns alí na Praza da Princesa ao lado da saída”.
Pola súa banda, David Posada, delegado en Vigo da Federación Galega de Atletismo, destacou o apoio do Concello e a singularidade da San Silvestre olívica: “En Vigo facémolo desta maneira, que creo que é a mellor maneira de acabar o ano. Este é un evento diferente no que toda a cidade se involucra, enchendo as rúas de alegría e de colorido”.
A proba é solidaria co Banco de Alimentos e a entrega de non perecedoiros realizarase o martes 31 de 10:00 a 11:50 horas nas carpas habilitadas na Praza da Princesa. As 3.000 primeiras persoas que realicen unha doazón terán un agasallo.
Percorrido 2025 de entre 4 e 4,5 quilómetros
A saída será dende a Porta do Sol. O percorrido, duns 4,5 km, inclúe rúas céntricas como Policarpo Sanz, García Barbón, Rosalía de Castro, Serafín Avendaño, Areal, Pontevedra, Marqués de Valladares, Carral, Cánovas del Castillo, Mestre Mateo, Teófilo Llorente, Real, Méndez Núñez, Rúa Alta, Elduayen e finaliza de novo na Porta do Sol.
Inscrición e Dorsais
A inscrición é gratuíta e pódese realizar a través da web municipal (www.vigo.org). O prazo de inscrición remata o 28 de decembro. Non se admitirán inscricións o día da proba. O participante inscrito e con dorsal estará cuberto por un seguro. A recollida de dorsais levarase a cabo en El Corte Inglés Vigo (Gran Vía)
Premios e Disfraces
Haberá tradicional entrega de premios aos mellores disfraces outorgándose nove galardóns (tres por categoría: nenos, adultos e grupos). A entrega terá lugar na árbore de Nadal ao remate da proba.
O Concello de Vigo patrocina e impulsa a carreira, contando co soporte técnico da Federación Galega de Atletismo. A organización conta co apoio de sete empresas: El Corte Inglés, Máis que Auga, Coca-Cola, Gadis, Hyundai (Hyupersa Vigo), Frutas Nieves e Avanza Vitrasa.