O Concello amplía a atención sen cita previa para altas e cambios no padrón municipal
Solicitar altas ou cambios no padrón municipal non requirirá cita previa a partir do 23 de decembro. Así o explicou esta mañá o rexedor nunha intervención na que tamén deu conta da entrega de 36 novas axudas de bonotaxi.
Abel Caballero explicou que a partir do martes 23 de decembro ampliarase a atención no Concello sen cita previa para altas e cambios no padrón municipal. Neste momento, explicou, aténdese a 10 persoas ao día sen cita previa mentres que co cambio previsto, pasará a atenderse a 60 persoas. Segundo detallou, estableceranse tres quendas de 20 prazas, ás 09,00, ás 10,30 e ás 12,00 h para evitar esperas demasiado longas.
En todo caso, puntualizou o rexedor, aquelas persoas que queiran achegarse ao Concello con cita previa téñena á súa disposición, como ata o de agora. Respecto de outros trámites como volantes de empadroamento ou solicitar información, seguirá sen ser preciso contar con cita previa.
Bonotaxi
O alcalde deu conta esta mañá da adxudicación de 36 novas axudas de bonotaxi, por valor de 10.400 euros o que eleva a 112 as entregadas no que vai de ano, cun importe de máis de 33.000 euros. Segundo apuntou Caballero, isto supón un incremento do 17% con respecto ao ano pasado. O bonotaxi concédese ao longo de todo o ano dependendo das necesidades dos demandantes, igual que as axudas de emerxencia, no que supón un cambio porque antes adxudicábanse unha vez ao ano.