Escoitar

O Halo, finalista nos IABSE Awards 2025 como “icona cidadá”

O ascensor do programa municipal Vigo Vertical foi seleccionado pola Asociación Internacional de Pontes e Enxeñería Estrutural xunto a finalistas como a Nuova Torre Piloti de Italia ou The Canopy no Reino Unido.

xoves, 18 set 2025

“É unha grande noticia que nos sitúa como referencia a nivel nacional e internacional” sinalou Carmela Silva este xoves ao informar sobre a selección do Halo como finalista nos IABSE Awards 2025 na categoría “Small projects”. Tal e como apuntou, o xurado define ao HALO como “unha intervención urbana emblemática” e unha “icona cidadá”.

IABSE é a Asociación Internacional de Puentes e Enxeñería Estrutural que reúne a membros de 100 países. Con estes galardóns renden homenaxe ao talento e aos proxectos innovadores de enxeñería estrutural. Na mesma categoría tamén son finalistas a Nuova Torre Piloti de Italia, The Canopy de Reino Unido ou The Sheaf en Suecia. A gala onde se coñecerá o proxecto gañador será o 14 de novembro en Zúric (Suíza), onde ten a sede esta asociación.

A primeira tenente de Alcaldía lembrou outros recoñecementos recibidos polo Halo: o V Premio ACHE de Enxeñería Estrutural recibido en xuño, o Premio Architecture Masterprize ou o “Mellor Proxecto Innovador” nos XV premios Porcelanosa en 2024, así como o galardón que recibiu na Semana Española da Mobilidade Sostible e o LOOP Design Award no ano 2021.

Descargar todas as imaxes