O Concello organiza ata decembro roteiros culturais guiados e gratuítos para os maiores da cidade
Potenciar e facilitar o coñecemento da cidade, ademais da socialización entre as persoas maiores para combater a soidade non desexada, son os obxectivos da actividade gratuíta “Coñece Vigo”, que está enmarcada no programa municipal “Vigo, cidade amiga dos maiores”. O alcalde explicou que os roteiros estarán dirixidos por guías oficiais acreditados.

Abel Caballero avanzou este mércores que o Concello organiza, desde este mes de setembro ata decembro, unha serie de percorridos culturais, guiados por profesionais, que están destinados a que as persoas maiores aumenten o seu coñecemento sobre a cidade. Sinalou que se realizarán dúas actividades semanais para grupos de ata 20 persoas.
“Vigo é unha cidade extraordinaria e marabillosa e queremos que as persoas maiores teñan coñecemento da urbe e do patrimonio e, ao mesmo tempo camiñadas saudables cos guías profesionais e que desapareza a soidade non desexada porque esta é unha boa actividade para socializar con outras persoas”, afirmou hoxe o alcalde.
O rexedor incidiu en que os guías contan cun profundo coñecemento tanto do patrimonio arquitectónico como dos personaxes históricos “fascinantes que construíron unha parte da cidade e que deixaron a súa marca aquí”.
Caballero recalcou que a participación nos roteiros é totalmente gratuíta, xa que o Concello subvenciona todos os gastos, á vez que animou a inscribirse na iniciativa para “vivir e pasear” a cidade .