Escoitar

O goberno municipal concede 4.579 becas de libros e comedor

Abel Caballero informou este martes da asignación das bolsas municipais para alumnado da cidade, cuxo listado se enviou hoxe aos centros educativos e que está “operativo desde o inicio do curso escolar”.

martes, 16 set 2025
Foto de arquivo da visita do alcalde ao Ceip Celso Emilio Ferreiro
Foto de arquivo da visita do alcalde ao Ceip Celso Emilio Ferreiro

O Concello remitiu este martes aos centros educativos a lista do alumnado beneficiario das bolsas de libros e comedor do Concello correspondente ao curso 2025-2026.

O alcalde sinalou que 3.509 alumnos recibirán unha bolsa de comedor sumando un importe de case 1,5 millóns de euros. “Concedéronse tódalas bolsas solicitadas, non hai lista de espera”. No caso das bolsas de libros, o goberno municipal aprobou 1.070 por un importe de 107.000 euros. O total de bolsas adxudicadas este ano ascende a 4.579 e o orzamento total destinado ás bolsas de libros e comedor é de 1.601.834 euros.

“Houbo que sumar 200.000 euros máis do orzado inicialmente”, apuntou Caballero, porque “damos tódalas bolsas que cumpren os requisitos”, ao contrario do que acontecía antes de que asumise a alcaldía, cando existía unha lista de espera de 1.000 nenas nenos. “Hoxe non hai ningunha nena nin neno en Vigo que cumprindo os requisitos quede sen bolsa porque o presuposto é ilimitado”.

Ademais, o alcalde explicou que o Concello destina 642.405 ao convenio con Foanpas para financiar a súa xestión, realización de actividades extraescolares e prestación do servizo de comedor polo que o importe total dedicado ás bolsas de comedor ascende a 2.244.239 euros. Caballero censurou que a Xunta de Galicia non financie estas axudas sendo competencia autonómica. “Non imos permitir que nin un só neno ou nena de Vigo quede sen bolsa de comedor”, recalcou.

Descargar todas as imaxes