Escoitar

A primeira fase da rexeneración do Vao, pendente do informe da Xunta de Galicia

Abel Caballero explicou este luns “a gran actuación” que o Concello de Vigo vai realizar na praia do Vao, censurando que a Xunta de Galicia "parara o proxecto" logo de asumir o 1 de xullo a competencia da xestión dos 1.500 quilómetros de litoral galego. "Non nos permiten avanzar coa licitación”.

luns, 15 set 2025

No mes de abril, o Concello de Vigo solicitou a Costas do Estado a concesión de ocupación de Dominio Público Marítimo-Terrestre para a execución do proxecto da "Recuperación ambiental da praia de O Vao e a súa contorna", abríndose un prazo “de 20 días hábiles” para realizar alegacións. Explicou Caballero que foi o 1 de xullo cando o Goberno de España transferiu á Xunta de Galicia as competencias da xestión da costa galega.

“Dende o 1 de xullo ata hoxe, ben entrado en setembro, a Xunta de Galicia non fixo nada”, sinalando que chegou ao goberno autonómico e “pararon o proxecto”, mentres que se o informe tivese que ser emitido polo Estado “xa estaría resolto”. O Concello de Vigo ten o proxecto construtivo da primeira fase, cun orzamento de 1,2 millóns de euros, pero “non nos permiten avanzar coa licitación”, o que dificulta a previsión de ter a primeira fase finalizada no verán do próximo ano.

O proxecto global de rexeneración desenvolverase en 5 fases e ten un importe superior aos 5,5 millóns de euros. O obxectivo é mellorar o paseo, retranqueándoo para recuperar máis duna e distanciar os vehículos desa primeira franxa litoral. Na proposta de actuación, na zona este da praia substitúense as actuais pasarelas de madeira, que funcionan como un paseo marítimo con deficiencias de accesibilidade. A nova banda de paseo ríxida queda retranqueada cara ao interior, respectando agora a liña de ribeira do mar que se invadía e deixando espazo para o desenvolvemento natural da duna na zona este da praia.

Cara ao oeste dáse continuidade ao percorrido peonil da senda litoral, reordenando accesos, garantindo a accesibilidade e renaturalizando maior superficie. Ademais, actuarase humanizando toda a contorna da praia e recuperando a servidume de tránsito no Baluarte, garantindo así a continuidade peonil entre as praias da Fontaíña e do Vao.

 

Descargar todas as imaxes