O Pleno esixe que Vigo se manteña como sede oficial dos exames MIR
Vigo ten que ser sede oficial dos exames MIR segundo acordou esta mañá o Pleno da Corporación, nunha sesión na que se reprobou ao conselleiro de Sanidade por non defender á cidade ante o decreto de exclusión pactado entre o Ministerio e as CCAA. A moción socialista contou cos votos en contra do PP e a abstención do BNG.

A maioría do Pleno acordou esta mañá a reprobación do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, por non defender a Vigo como sede oficial dos exames MIR na reunión que mantiveron o pasado 17 de xullo Ministerio e CCAA. Cos votos favorables do grupo socialista, a abstención do BNG e o voto en contra do PP, a Corporación instou ao Goberno de España a manter Vigo como sede destas probas, garantindo así a descentralización, accesibilidade e equidade no acceso ás probas selectivas do Sistema Nacional de Saúde.
Outro dos asuntos que hoxe recibiu luz verde no Pleno foi a moción socialista que instaba á Xunta a cumprir coa integración no sistema público de saúde da Unidade Asistencial Cedro de Vigo. O texto, defendido pola concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, esixía a urxente elaboración dun Plan de Trastornos Aditivos dado que o anterior caducou en 2016. A unanimidade do Pleno acordou, asi mesmo, solicitar á Xunta que convoque de forma inmediata as subvencións para proxectos preventivos en materia de condutas aditivas.
Os votos do PSOE e do BNG deron luz verde a outra iniciativa socialista, neste caso vencellada ao servizo sanitario das Illas Cíes. A concelleira de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez, pediulle apoio ao Pleno para dirixirse á Xunta para que reforce o servizo sanitario no arquipélago durante a tempada alta, ampliando a cobertura presencial con persoal médico e en enfermería durante 24 horas. O texto aprobado, co voto en contra do Partido Popular, solicita a implantación dunha ambulancia náutica permanente entre o 15 de maio e o 30 de setembro, o que permitiría unha evacuación rápida e segura ante emerxencias médicas.