Concello e Universidade rubrican a alianza para traballar na candidatura de Cíes a Xeoparque da Unesco
Abel Caballero e Manuel Reigosa, acompañados dos coordinadores do Comité Científico da candidatura e de parte do comité técnico, asinaron este xoves o convenio de colaboración entre ámbalas institucións.

O alcalde explicou que se trata dunha “alianza” para que a Universidade realice os estudios técnicos necesarios que acrediten os valores singulares das Cíes como xeoparque para a conseguir que sexan designadas con tal, unha “figura recoñecida no mundo cunha grande importancia”.
Trala sinatura do convenio de colaboración, que ten un importe de 50.000 euros, o reitor, Manuel Reigosa, falou do “compromiso claro” da Universidade de Vigo coa candidatura de Cíes a Xeoparque “e temos grandes especialistas na materia. Vaise facer un estudio e documentar a defensa da candidatura e creo que imos ter éxito”.
O Concello e a Universidade de Vigo traballarán de forma coordinada en diversas áreas da candidatura Cíes, Obxectivo Xeoparque Unesco impulsando alianzas co sector turístico e coa comunidade para transformar o patrimonio natural en oportunidades sociais, experiencias turísticas de calidade e aprendizaxe continuo para residentes e visitantes.
No marco desta colaboración realizaranse accións coordinadas para diversificar a economía local sen comprometer os ecosistemas situando a ciencia, a accesibilidade universal e o xeoturismo responsable como eixos da conservación de Cíes. Tal e como explicou o alcalde, desenvolverase a campaña educativa “Planeta Cíes Xeoparque”, que levará aos institutos unha exposición itinerante con unidades didácticas. No ámbito do xeoturismo, crearanse novas rutas interpretativas e novos produtos turísticos deseñados xunto cos actores sociais e económicos para atraer turismo de natureza e ciencia, reforzando a economía local e artellando todas as oportunidades sociais aos efectos turísticos.


