Escoitar

A XII Carreira Vigo Contra o Cancro volverá “tinguir Coia de azul” o 19 de outubro

Abel Caballero felicitou de xeito “moi enfático” á asociación “Vigo contra o cancro” polo “gran traballo realizado por esta cidade”, tras o anuncio da entidade de que non continuará organizando a proba, pertencente ao circuíto Run Run Vigo. A administración municipal asumirá a partir da vindeira edición a súa realización.

mércores, 10 set 2025

As instalacións do Concello de Vigo acolleron esta mañá a presentación da proba, un acto no que ademais do rexedor vigués, estiveron presentes Rosa Soliño (presidenta de Vigo Contra o Cancro); María Mayán (de Vigo4Sar, o proxecto de investigación ao que se doarán os beneficios); Fuencisla Cid (El Corte Inglés) e os concelleiros de Deportes e Benestar.

Dende hoxe permanecerán abertas as inscricións, que poden formalizarse en liña en www.vigocontraelcancer.com ou de maneira presencial, na planta de deportes de El Corte Inglés. En ambos os casos, permitirase ata alcanzar o límite de participantes ou antes do 13 de outubro. Tamén estará habilitado o “Dorsal 0” solidario co que facer achegas económicas sen necesidade de participar.

A proba contará coas dúas modalidades de carreira habituais, a de 5km (non competitiva, pódese facer andando) e a de 10km (cronometrada). Esta última está incluída no programa municipal de carreiras populares Run Run Vigo. En canto ao percorrido, a saída será desde a Avda. de Castelao, completará a avenida ata o final da mesma, e continuará en liña recta cara á Avenida de Europa. Avanzará ata a Fundación Sales, onde fará un cambio de sentido para volver, continuando en dirección Praza América ata o túnel, regresando finalmente á altura do punto de partida na Avenida Castelao.

O 100% dos beneficios recadados en 2025 destinaranse a financiar o proxecto titulado “Novas oportunidades para pacientes con sarcoma – VIGO4SAR”. Está liderado pola Dra. María Mayán, investigadora do grupo CellCOM no CINBIO (Universidade de Vigo), xunto co oncólogo Dr. Juan Carrasco, do Hospital Público Álvaro Cunqueiro e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS). O obxectivo deste grupo de investigación é desenvolver unha plataforma de cribado para poder adecuar e personalizar o tratamento das persoas afectadas por sarcomas, evitando así terapias ineficaces.

Ata a data, con esta proba atlética, a Asociación Vigo Contra o Cancro doou máis de 280.000 euros ao longo das once edicións previas. Neste 2025, o obxectivo é alcanzar os 300.000 euros. Abel Caballero felicitou de xeito “moi enfático” á asociación “Vigo contra o cancro” polo “gran traballo realizado por esta cidade”, tras o anuncio da entidade de que non continuará organizando a proba. A administración municipal asumirá a partir da vindeira edición a súa realización.

Descargar todas as imaxes