Escoitar

O alcalde visita o CEIP Celso Emilio Ferreiro logo do remate das obras na cuberta

Caballero, participou esta mañá na inauguración do curso escolar no CEIP Celso Emilio Ferreiro, onde destacou as obras de substitución da cuberta e do teito realizadas polo Concello cun investimento de case 600.000 euros

xoves, 11 set 2025

“Fixemos unha intervención fundamental, cambiando a cuberta, o muro exterior e o revestimento. Agora o edificio está totalmente diferente e en condicións de seguridade para os nenos e nenas”, sinalou Caballero.

O rexedor lembrou que o centro sufría “un defecto estrutural gravísimo, cun risco real de desprendementos mentres o alumnado asistía ás clases”, e criticou que “a Xunta de Galicia se negase a arranxalo, a pesar da obriga que ten en materia educativa”. Segundo explicou, “o perigo estaba provocado polo mal estado da estrutura, non por falta de mantemento, e foi o Concello quen asumiu a reparación”.

Ademais, Caballero puxo en valor o traballo do profesorado do Celso Emilio Ferreiro, “de enorme calidade docente”, e destacou o labor municipal no mantemento diario dos colexios da cidade: “Vin as instalacións impecables, e iso págao a cidadanía de Vigo a través do Concello. O persoal de apertura dos centros tamén o financia o Concello. Estamos a destinar millóns e millóns de euros á educación pública en Vigo”.

 

Descargar todas as imaxes