O goberno municipal envía á Xunta o proxecto da Fase I das novas ramplas de Gran Vía
Abel Caballero reclama unha resposta inmediata para as novas ramplas entre a confluencia do Centro Comercial Gran Vía e a rotonda de Illas Baleares (Fase I). O Concello traballa nun proxecto global desde praza América ata praza España cun investimento de 26 millóns de euros.

Caballero considera que “o prazo razoable para revisar un proxecto deste tipo é de dúas semanas” e agarda unha contestación “inmediata e positiva, porque cumpre con todas as normas e cos requisitos que lle corresponden ao Concello”.
O rexedor detallou que contempla non só as novas ramplas polo bulevar da Gran Vía, senón tamén unha gran rede de mobilidade vertical que conectará coas rúas Barcelona, Zaragoza, Zamora, Hispanidade e as zonas de Sárdoma e a Salgueira. O investimento previsto sitúase en torno aos 26 millóns de euros, que o Concello poderá asumir “porque é solvente e dispón dos recursos necesarios”.
O alcalde lembrou que xa no pasado a Xunta tratou de frear o proxecto das ramplas da Gran Vía e que o Concello gañou nos tribunais.