A Corporación insta á Xunta á gratuidade dos libros de texto
A moción defendida pola concelleira Olga Alonso foi aprobada cos votos do Grupo Socialista e o Grupo do BNG. O Grupo Popular votou en contra. Tamén saíu adiante solicitarlle á Xunta unha asignación proporcional de fondos europeos segundo poboación e porcentaxe de PIB que xera a cidade.

Vigo quere que o estudantado teña acceso aos libros de texto de xeito gratuíto. Así o defendeu a concelleira de Educación, Olga Alonso, no Pleno no que se aprobou “esixir á Xunta de Galicia a volta ao sistema de gratuidade dos libros de texto que tiña implantado o goberno de Emilio Pérez Touriño, e que Feijóo abandonou,para todo o alumnado en escolaridade obrigatorio.
Alonso tamén rexeitou os recortes de unidades de persoal docente nos centros educativos vigueses. Todo isto foi aprobado cos votos do PSdeG e o BNG, mentres que o Partido Popular votou en contra.
A responsable de Educación no Concello de Vigo defendeu que o investimento en educación é un dos mellores instrumentos de política dos que dispoñen os gobernos para xerar oportunidades para o progreso social, para o desenvolvemento económico e para mellorar a calidade de vida da cidadanía
Fondos europeos
O concelleiro de Facenda defendeu “que a Xunta asigne a Vigo a parte proporcional dos fondos europeos que ata o de agora denegou ao Concello” e pediu que “sexa correspondente á poboación e á porcentaxe do PIB que xera a cidade ao conxunto da comunidade para a execución de actuacións nas competencias autonómicas de vivenda, sanidade, educación, mobilidade, estradas, emprego e axudas ao tecido produtivo”.
Aneiros explicou que “a Xunta de Galicia só asignou aos Concellos o 3,75 por cento dos fondos europeos que recibe”. Tamén que a Xunta de Galicia renuncia a boa parte dos fondos europeos. “Un caso significativo é o da renuncia a 22 millóns de euros para escolas infantís”, lamentou. Amais, dixo que “a execución dos fondos europeos dos que dispón a Xunta de Galicia apenas supera o 50 por cento de execución.”
A esta cuestión só votou favorablemente o Grupo Socialista. O BNG abstívose mentres que o PP votou en contra.