Zona Franca e o MARCO asinan un convenio para fomentar a creatividade cultural
O acordo establece a creación dunha comisión asesora que estudará oportunidades para a adquisición de novas obras por parte de Zona Franca. O Consorcio atesoura un conxunto artístico con obras de Pradilla, Laxeiro, Sotomayor, Maruja Mallo, a saga Quesada, Lodeiro, Antón Patiño ou Silverio Rivas, entre outros.

Asesoramento para a colección artística de Zona Franca de Vigo, promoción de actividades conxuntas e colaboración en proxectos culturais. Estes son os obxectivos principais do convenio que Zona Franca de Vigo e Fundación MARCO asinaron este martes. O delegado do Estado en Zona Franca, David Regades, e o director do MARCO, Miguel Fernández Cid, rubricaron o acordo de colaboración a catro anos que se basea “no estudo, asesoramento, formación e perfeccionamento científicos en relación coa colección artística do Consorcio e da Fundación”. No acto participou o alcalde de Vigo e presidente da Fundación MARCO, Abel Caballero. Entre outros compromisos, o convenio establece que a Fundación MARCO preste asesoramento á Zona Franca respecto da súa colección artística e que esta, á súa vez, outorgue trato preferente ao MARCO na concesión de préstamos de obras.
O alcalde valorou moi positivamente que Zona Franca de Vigo cre sinerxias cunha entidade cultural fundamental na cidade. David Regades subliñou o impacto social e económico da actividade cultural e o compromiso da entidade co fomento da creatividade e das artes. “Vivimos un momento no que os sectores cultural e creativo xeran riqueza e emprego, así como achegas importantísimas ao desenvolvemento sostible e a un mundo máis xusto. Desde a Zona Franca entendemos como un deber contribuír a fortalecer estes sectores”, sinalou. Para Miguel Fernández Cid, director do museo, a firma do convenio “é un acontecemento e unha gran noticia para o ámbito da cultura”.
A comisión asesora que se constituirá en virtude do convenio asinado terá entre as súas funcións preseleccionar obras e artistas que se consideren de interese no panorama artístico español, con especial foco en Galicia, propoñer a Zona Franca a adquisición de obras e valorar oferta de compra ou doazón que poidan ser relevantes a nivel de calidade, oportunidade e importancia cultural.
A Lei 14/2021 de medidas de apoio ao sector cultural e de carácter tributario para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-2019 fixou nun 2% a partida que en obras públicas financiadas total ou parcialmente polo Estado débese destinar á conservación ou enriquecemento do patrimonio cultural ou ao fomento da creatividade artística. A Zona Franca de Vigo conta cunha colección artística de medio centenar de obras reunidas ao longo da súa historia; co traslado da sede central á rúa Areal en 2021, os fondos foron catalogados e documentados exhaustivamente pola Fundación Laxeiro.

