Escoitar

O alcalde volve esixir á Xunta a cesión das competencias de vivenda

“A política de vivenda da Xunta é inexistente en Vigo”, censura Caballero, apuntando a tardanza de “tres meses” en responder á carta que enviou ao presidente autonómico reclamando as competencias.

mércores, 17 set 2025

O rexedor trasladou este mércores que vén de recibir a contestación á carta que remitira o pasado 11 de xuño ao presidente da Xunta reclamando para Vigo a cesión das competencias de vivenda: “nada menos que tres meses para responder a unha carta”, apuntou, na que esixía as competencias para asumir a construción de vivendas cos recursos que achega o Goberno de España á comunidade autónoma. “A Vigo correspóndenlle unhas 1.0000 vivendas segundo o plan anunciado polo presidente do Goberno”.

Caballero rebate as afirmacións da conselleira de Vivenda na carta ao sinalar que a Xunta construíu 500 vivendas de promoción pública na cidade, “unha mentira colosal”, porque se refire ás vivendas de Navia que fixo o goberno de Emilio Pérez Touriño e que Feijóo entregou cando chegou ao goberno autonómico. “Estaban xa construídas. É intolerable”; 432 construíunas o goberno anterior e máis de 30 son do Concello, de alugueiro. A Xunta con Feijóo e Rueda só construíu 62 vivendas en 17 anos e tiñan que ter feito 5.000”.

O alcalde critica a “mentira continua” da Xunta de Galicia en materia de vivenda afirmando que “teñen en marcha 1.000 vivendas de promoción pública en Vigo” cando en realidade “están empezando a construír 316 en Navia, para as que o goberno de España achega máis de 13 millóns de euros para 292 vivendas”.

“A política de vivenda da Xunta é inexistente en Vigo” e sigo esixindo a cesión das competencias para que Vigo asuma a construción das “1000 vivendas que caben dentro dos 4000 millóns que achega o Goberno de España”. Lembrou o alcalde que o Concello xa ten en marcha 227 vivendas de protección en Santa Cristina de Lavadores e en Tomás Alonso (Esturáns), “tantas como fixeron Feijóo e Rueda en 17 anos”.

Descargar todas as imaxes