O Goberno de Vigo aproba 2.572 axudas por 771.989 euros desde xaneiro
O Concello aprobou esta semana 44 axudas de emerxencia por importe de 15.000 euros.

A primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, detallou este xoves que a derradeira comisión municipal de axudas de emerxencia aprobou 21 apoios para alimentación; 14 para vivenda; 7 para subministracións e 2 para gastos médicos.
Desde principios de ano o Concello aprobou 2.572 axudas por un importe de 771.989 euros. Silva lembrou que en 2024 o Concello concedeu 4.380 axudas por 1.439.103 euros, das que se beneficiaron 11.823 persoas.
“O Concello de Vigo é o máis comprometido de Galicia coas axudas para familias vulnerables, asumindo competencias impropias que lle corresponden á Xunta de Galicia, pero nós temos claro que estamos ao carón de toda a cidadanía e moi particularmente da que necesita o apoio público”, afirmou Carmela Silva.