O Concello dará luz verde á consulta pública da ordenanza de vivenda turística
O alcalde informou este venres do inicio do trámite de consulta pública na web municipal para elaborar a ordenanza coa que o goberno municipal busca “garantir a convivencia entre os usos residencial e turístico das vivendas”.

O Concello aprobará a próxima semana o inicio do trámite de consulta pública para elaborar e aprobar a Ordenanza Municipal Reguladora das vivendas de uso turístico e apartamentos e vivendas turísticas. Durante 20 días estará aberta a consulta pública na dirección https://consulta.vigo.org, onde a cidadanía, organizacións e asociacións poderán facer chegar as súas suxestións para o texto.
O PXOM xa establece que o Concello poderá regular mediante ordenanza a implantación e intensidade do uso das vivendas e apartamentos de uso turístico, recoñecendo o seu carácter terciario hostaleiro. Ademais, o novo PXOM establece outras limitacións ás vivendas de uso turístico como que a localización en edificios só será posible cando teñan unha entrada distinta á do resto de residentes.
Tal e como explicou Abel Caballero, coa ordenanza o Concello busca garantir a convivencia entre os usos residencial e turístico e establecer un procedemento municipal claro e seguro para a autorización de vivendas de uso turístico e apartamentos turísticos. Amais, a norma servirá para determinar as zonas saturadas, cotas máximas por edificio, a compatibilidade de accesos entre o uso que se pretende regular e o resto de usos existentes no edificio e establecerá ferramentas de inspección e control.
O Goberno municipal ten iniciada tamén a tramitación dun convenio de colaboración coa Universidade de Vigo para a posta en marcha dun Observatorio da Vivenda que fará un diagnóstico da situación da vivenda en Vigo e a súa área metropolitana. Poderá tamén elaborar mapas de situación e comparativas con outras cidades e coa contorna de Vigo, propostas de mellora, zonificacións con limitación de usos...
Ademais, no padrón do lixo comercial municipal do ano 2025 estableceuse unha nova clasificación de actividades, na que entran as vivendas turísticas, consideradas como vivendas dedicadas a servizos de pernoita.