O alcalde urxe a iniciar o proceso para que a Universidade de Vigo conte cunha facultade de Medicina
O alcalde ratificou hoxe a súa decisión de “facer todo o que estea na miña man, todo o posible e o imposible” para “asegurar” que a Universidade de Vigo conte cunha facultade de Medicina. Demanda, “a quen corresponda”, iniciar “de forma inmediata”, toda a tramitación para contar coa titulación.

Abel Caballero incidiu este xoves na súa reclamación dunha facultade de Medicina. “Vigo ten que ter necesariamente unha facultade de Medicina”, incidiu ao recalcar que “temos unha gran universidade e fáltanos a facultade de Medicina”.
O alcalde lembrou que o Consello de Goberno da Universidade da Coruña acordou onte iniciar o procedemento para reclamar a súa propia facultade. “Eu felicítoos pola decisión, en Vigo tamén”, afirmou Caballero. “Por moito que a Xunta se opoña” Vigo ten que contar coa titulación sanitaria, recalcou ao poñer en valor “a altísima cualificación do persoal médico” e lembrar que os hospitais da cidade poden acoller a docencia práctica. “Temos todo preparado. Por que non vai haber unha facultade de Medicina en Vigo? Porque a Xunta non quere? Xa sabemos que todo o que teña que ver con Vigo a Xunta non o ve”, censurou.