Escoitar

Caballero celebra a "noticia excepcional" da licitación da Biblioteca do Estado en Vigo anunciada polo ministro de Cultura

Abel Caballero cualificou hoxe como unha “noticia excepcional para Vigo” o anuncio realizado polo ministro de Cultura, Ernest Urtasun, de que o Goberno licitará en 2026 o proxecto da Biblioteca Pública do Estado, que se construirá nos terreos cedidos polo Concello en Coia. A confirmación da decisión do goberno central de saldar a “débeda histórica” coa cidade, según recoñeceu Urtasun, tivo lugar durante a visita ao solar onde se construirá a nova infraestrutura, chamada a ser un “proxecto singular”.

xoves, 17 xul 2025

Abel Caballero lembrou que desde 2007, ao iniciar o seu primeiro mandato como alcalde, con José Luis Rodríguez Zapatero na presidencia do Goberno e con José Guirao á fronte do Ministerio de Cultura, a súa “primeira decisión foi solicitar unha Biblioteca Pública do Estado” para Vigo, e por iso considera que a materialización do proxecto constatada hoxe polo ministro Ernest Urtasun “é unha noticia excepcional para a cidade”.

“A maior cidade de España sen biblioteca do Estado”, recalcou o rexedor, ao poñer en valor o aval proporcionado desde o primeiro momento por Guirao á súa proposta e as dificultades superadas tanto para atopar o espazo adecuado onde construíla, como pola sucesivas negativas do Goberno de España con Mariano Rajoy como presidente, ata que en 2018 volveu defender ante o executivo de Pedro Sánchez “que o proxecto era imprescindible” para Vigo. A partir de aí, os sucesivos ministros de Cultura apoiaron a construción da infraestrutura cultural para a cidade, destacou.

Caballero agradeceu ao ministro de Cultura, Enest Urtasun, a súa presenza en Vigo “para ratificar, conxuntamente coa Xunta, a realidade da Biblioteca do Estado e, por tanto, unha forma de entender a cultura e a súa demanda” nunha cidade que tamén “é fábrica de cultura”.

Débeda histórica con Vigo

O ministro de Cultura recalcou o valor da cooperación institucional para facer realidade unha “débeda histórica e unha anomalía” mantida con Vigo por ser a única gran cidade que carece desta infraestrutura do Estado. “O que facemos é darlle a Vigo o que lle debiamos”, apuntou.

Acordada a cesión do terreo da rúa Lalín onde se alzará a biblioteca, o ministro indicou que o Goberno licitará en 2026 a redacción do proxecto. “Xa é un paso concreto e real para empezar a poñer a primeira pedra da Biblioteca Pública do Estado”, indicou o ministro ao sinalar que no caso de que se prorroguen presupostos o seu departamento conta con crédito dispoñible. ”Podo garantir que hai recursos dispoñibles por parte do ministerio para que a licitación poida realizarse”, recalcou.

Urtasun adiantou que a Biblioteca Pública do Estado será un "proxecto singular". O conselleiro de Cultura, José Campos, trasladou o “compromiso” da Xunta para a xestión da maior biblioteca pública de Galicia.

Descargar todas as imaxes