O Concello acorda coa Xunta cofinanciar o túnel de Elduayen e propón deseñar unha nova fronte litoral entre Teis e Bouzas
O alcalde valora positivamente a reunión e confía en que Patrimonio da Xunta desbloquee no prazo dun mes a continuación da construción do túnel entre a Porta do Sol e Torrecedeira así como o financiamento por parte da Xunta do mesmo xeito que se fixo co túnel do Parrote na Coruña. Abel Caballero propuxo a renovación da fronte litoral, desde Bouzas ata Teis, e enviará unha carta para a constitución dunha comisión coas administracións implicadas.

O Concello acorda coa Xunta de Galicia a cofinanciamento do túnel entre a Porta do Sol e Torrecedeira no que o goberno autonómico achegará “a mesma porcentaxe do custe da obra como se fixo no túnel do Parrote de A Coruña”. Isto quere dicir que desde a Xunta se financiará o 85% da ampliación do túnel – desde Elduayen a Torrecedeira – ou o 37% do conxunto da actuación no ámbito Porta do Sol – Elduayen – Paseo Alfonso. “Válenos”, afirmou o alcalde.
Caballero explicou tamén sobre esta obra que desde a Xunta se comprometen “a desbloquear a obra despois de catro anos paralizada por Patrimonio no prazo de ao redor dun mes”. “Isto é inmediato. Temos contratado o proxecto construtivo para saber o orzamento total, pero primeiro Patrimonio ten que dar o visto bo”, dixo o rexedor.
Renovación da fronte litoral e marítima
Abel Caballero propuxo a creación dunha comisión formada polas administracións con competencias na fronte litoral e marítima entre Teis e Bouzas para a súa renovación. “É enormemente ambiciosa pero imprescindible para Vigo”, manifestou. Deste xeito, o rexedor propón un túnel desde o final de Beiramar para peonalizar a Alameda Eduardo Cabello de Bouzas. Outro entre a rúa Coruña ata o porto pesqueiro e tamén humanizar desde Guixar ata a praia Arealonga.
O alcalde enviará inmediatamente unha carta ás administracións implicadas para comezar coas fases desta actuación e os proxectos. A comisión estará encabezada polo Concello e invitará á Xunta, Goberno de España, Portos do Estado, Adif, Porto de Vigo e Zona Franca. “Máis adiante propoñerei á Deputación que se incorpore, pero primeiro temos que ser os que temos competencias neste ámbito".
AVE Vigo – Madrid; AVE Vigo – Porto e A-52 en túnel
Noutra orde de cousas, Caballero quere “que a Xunta asuma que a obra máis importante de Galicia nestes intres é o AVE Vigo – Madrid directo por Cerdedo. Tamén lamentou que o presidente da Xunta non defendera a limitación do tempo da viaxe entre Vigo e Madrid: “Agora cos resultados vemos que a demanda medrou nun 60% cos novos horarios e traxectos. A Xunta non se pronunciou, Rueda calado e o PP de Vigo mostrou á súa oposición aos novos horarios e paradas de tren. Botei en falta a defensa do presidente de Galicia”
Sobre o AVE Vigo – Porto agradeceu o apoio da Xunta aínda que reivindicou que foi el quen fixo primeiro esta demanda. Lembrou que España cumpre os prazos “en tempo e forma” e que ao outro lado da raia “non hai alta velocidade”.
Da nova autovía en túnel A-52, Caballero celebrou o cambio de posición da Xunta, “que está de acordo pero con matices” e insistiu en que “a liberalización da AP-9 non é alternativa”.
“Creo que podemos progresar no que urxe”, concluíu o alcalde.