Comezan as obras de reforma integral da piscina municipal de Teis
O alcalde informou este martes do inicio dos traballos da obra para construír “unha piscina nova, máis moderna e mellor deseñada” que ten un orzamento de case 7 millóns de euros.

A piscina municipal de Teis experimentará unha reforma integral, logo dos danos producidos nas instalacións polo incendio do ano 2022 que “practicamente destruíu todo” polo que se erguerá “unha piscina nova, máis moderna e mellor deseñada” cun investimento previsto de case 7 millóns de euros.
Tal e como explicou Caballero, o edificio conservará a súa liña actual pero cun aspecto estético moderno e será máis confortable e eficiente. Nestes momentos, os operarios están a retirar, mobiliario, carpinterías, condutos e maquinaria queimada para facer a demolición “o antes posible”.
Coa reforma amplíanse os espazos, con dúas novas salas para actividades deportivas, renóvanse totalmente as instalacións aplicando os requisitos normativos sobre consumo enerxético, maior eficiencia e usos de enerxías renovables. Amais mellóranse os materiais de cuberta e os acristalamentos, renóvase completamente o sistema eléctrico, actúase na accesibilidade universal, amplíanse os aseos e vestiarios para persoas de mobilidade reducida, incorpórase dotación para persoas ostomizadas e refórzase a protección contraincendios.
O rexedor explicou que nestes momentos, o Goberno municipal está pendente da sinatura do convenio coa Deputación pero a obra “xa non hai quen a pare. Teis terá unha piscina magnífica”.