Escoitar

A cidade acolle o I Congreso Galego de Astronomía e Astrofísica

Coa participación de máis de medio cento de profesionais da comunidade científica, tanto de dentro como de fóra de Galicia, contará con conferencias, mesas redondas e ofrecerá numerosas actividades abertas ao público en xeral desde este mércores, 16 de xullo.

martes, 15 xul 2025

O congreso, que terá lugar este xoves 17 e o venres 18 de xullo, no edificio Redeiras, foi presentado hoxe martes no Concello polo alcalde, a vicerreitora de Investigación e Transferencia, Belén Rubio, e a responsable do comité científico organizador, a catedrática da Universidade de Vigo, Ana Ulla.

O I Congreso Galego de Investigación en Astronomía e Astrofísica, GIAA 2025, reunirá máis de medio cento de profesionais, investigadores e investigadoras de diferentes institucións, que participan neste encontro para compartir resultados, intercambiar ideas e promover novas colaboracións.

“Trátase dun congreso de altísimo nivel do que estou orgullosísimo”, salientou o alcalde, a quen a vicerreitora agradecer “todo o apoio recibido desde o Concello” para organizar este tipo de citas na cidade. “Neste caso estamos ante un encontro internacional que xurdiu por iniciativa da profesora Ana Ulla”, subliñou Rubio, quen fixo fincapé en que se reunirán “galegos e galegas que fan astronomía, tanto aquí como no estranxeiro, profesionais que o que fixeron foi exportar coñecemento, demostrando o potencial de Galicia neste eido”. Do mesmo xeito, a vicerreitora aproveitou para destacar a celebración ao abeiro do congreso dunha mesa de traballo sobre o sector espacial en Galicia, na que se contará coa participación da spin-off da Universidade de Vigo Alén Space, a asociación UVigo SpaceLab, a empresa UARX Space así como numerosos docentes da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, “o que demostra que en Vigo temos masa crítica neste eido”.

“Para nós é unha oportunidade única coa que, en realidade, levamos soñando moitos anos”, subliñou na súa intervención a profesora Ana Ulla, quen agradeceu o apoio recibido da Universidade, do Concello e moitas persoas que axudaron a facer realidade este encontro. “Pola nosa banda non podemos estar máis agradecidas” e salientou o “exitazo” de contar con 53 especialistas inscritos. Destacou, así mesmo, que se tratarán diferentes temáticas: sistema solar, estelar, galaxias, cosmoloxía, exoplanetas, espazo, oportunidades de desenvolvemento futuras.

Se ben se trata dun congreso de especialistas, a representante do comité organizador destacou a importancia de “compartir o coñecemento coa cidadanía”, de aí a organización de diferentes iniciativas abertas ao público en xeral, entre elas a exposición Astrónomas (aberta ata o día 30 no Berbés) e unha conferencia e observación mañá mércores pola noite na praza do Rei. Ás 21.00 horas no Auditorio Municipal, Eduardo Ojero Pascual, xubilado da Axencia Espacial Europea (ESA) impartirá a conferencia Descubrindo o imperio do Sol, unha actividade aberta ao público en xeral que inclúe tamén a actuación musical das cantareiras Meigas Fóra de AC Tangaraño e unha observación nocturna do ceo na praza do Rei coa colaboración de diversas agrupacións e entidades.

 

Descargar todas as imaxes