Escoitar

Vigo xa é a comarca máis dinámica de Galicia segundo o informe Ardán 2025

Caballero acudiu á presentación do documento na sede de Zona Franca, onde acompañado por David Regades, delegado do Estado, Carmela Silva, tenente de alcalde, e os autores do estudo, valorou de xeito positivo o avance da economía de Vigo e subliñou que "somos a cidade con máis potente do noroeste peninsular".

martes, 15 xul 2025

Galicia conseguiu unha clara mellora nos principais indicadores económicos do tecido empresarial galego cuns ingresos de explotación próximos aos 140.000 millóns de euros (un 5,2% máis) xerando 33.480 millóns de euros en valor engadido bruto (VAB), un 8% máis, o que representa o 43,28% do PIB galego. É unha das conclusións do Informe ARDÁN, elaborado coa análise de 45.000 empresas con datos de 2023 nos Rexistros Mercantís e resultados da enquisa 2025.

En Galicia, os beneficios empresariais alcanzaron en 2023 os 11.390 millóns de euros e as empresas achegaron á sociedade 11.891 millóns en salarios e á Seguridade Social e 1.291 millóns en impostos. O emprego creceu un 3% e, en comparación con niveis prepandemia, creouse un novo posto de traballo por cada 10 existentes en 2019.

Vigo consolida o seu dinamismo na industria

O tecido empresarial da comarca de Vigo representa o 19 % de empresas de Galicia, e responsable do 25,6 % da facturación xerada. O valor engadido bruto agregado aumentou un 10 % respecto ao exercicio anterior, o que consolida a Vigo como a comarca máis dinámica de Galicia entre as grandes en creación de riqueza.

O 50 % das empresas da área viguesa presentan taxas de crecemento do valor engadido superiores ao 7%. En comparación cos niveis previos á pandemia, a capacidade do territorio para xerar riqueza incrementouse nun 50 %, o que evidencia unha notable recuperación e fortalecemento económico. Ademais, Vigo concentra o 44,23 % de toda a riqueza xerada pola industria manufactureira, construción e enerxía. As empresas da área mostraron un dinamismo especialmente destacado nestas actividades, inxectando á economía da comarca 320 millóns de VAB máis que en exercicio anterior.

 

 

Descargar todas as imaxes