Escoitar

Comeza o desenvolvemento do ámbito das rúas Jacinto Benavente e Torrecedeira co 30% de vivenda de protección

Abel Caballero avanzou este venres a “gran transformación” que supón o inicio do desenvolvemento urbanístico do ámbito de Beiramar, entre as rúas Jacinto Benavente e Torrecedeira, onde se construirán entre 400 e 450 vivendas, das que 130 contarán con protección. O expediente será aprobado na Xerencia de Urbanismo.

venres, 18 xul 2025

O ámbito conta cunha superficie de máis de 29.000 metros cadrados, dos que o o 75 por cento é para vivendas e o resto será cedido ao Concello para equipamentos e zonas verdes. “Estamos a desenvolver unha zona na que eliminamos unha especie de feísmo dalgunhas zonas; unha nova construción; unha parte importantísima de vivendas de protección e zonas de equipamentos”, recalcou e alcalde ao apuntar como “extraordinario” o espazo para desenvolver fronte ao mar de Vigo.
“Unha forma de refacer, cunha enorme calidade e importancia, toda a zona de Jacinto Benavente”, recalcou ao avanzar que se eliminará o desnivel que existe con Marqués de Valterra para crear “unha gran avenida urbana, flanquedada por vivendas de enorme brillantez arquitectónica”

Ámbito residencial Santa Cristina

A Xerencia de Urbanismo iniciou un novo procedemento de contratación do servizo de redacción do proxecto de urbanización de Santa Cristina – Lavadores, onde estaba o parque central municipal. O anterior procedemento foi declarado deserto porque a única oferta presentada non recibiu a conformidade da mesa de contratación. Polo tanto, procédese a unha nova licitación cun importe de adxudicación de 48.624 euros.

Tal e como explicou o alcalde, o Goberno de Vigo quere desenvolver un ámbito de 200 vivendas en réxime de protección “pensando fundamentalmente na xente nova” que precisa alugueiros ou compras “a prezos taxados”.

Descargar todas as imaxes