Escoitar

O alcalde censura o peche da atención pediátrica de tarde na maioría dos centros de saúde de Vigo

Abel Caballero cualificou hoxe de “escándalo” os sucesivos recortes aplicados pola Xunta de Galicia na atención sanitaria da cidadanía de Vigo, coa eliminación da atención pediátrica pola tarde na maior parte dos centros de saúde e o peche de camas hospitalarias, co argumento das vacacións dos profesionais sanitarios.

mércores, 9 xul 2025

O alcalde denunciou hoxe a deterioración da atención sanitaria en Vigo coa aplicación polo Sergas de sucesivas medidas como o recorte de camas hospitalarias, o aprazamento de intervencións cirúrxicas e a deficiente atención nos centros de Atención Primaria e, de novo, coa supresión da atención pediátrica pola tarde en 12 dos 15 ambulatorios que contan con estes profesionais. “Agora fan recortes en algo tan importante como a pediatría. Por tanto, baixo a pretensión de que se trata dunha situación puntual e ocasional, quitan pediatría de horas e tempo en tantos centros de Primaria polas vacacións que se producen cada ano polo que as teñen que ter previstas”, afirmou o rexedor.

“É o deixamento e a mala atención da Atención Primaria en Vigo que produce a Xunta de Galicia”, remarcou. 

Atención a familias

O pasado mes de xuño o Concello apoiou a 170 familias e a un total de 531 usuarios a través do “Programa Socio-Educativo e de Apoio Familiar”, segundo explicou hoxe o alcalde, ao indicar que 245 son menores de idade. Caballero indicou que practicamente a metade das familias son monoparentais feneminas. 

Do total de apoios realizados, 129 foron en educación familiar; 13 en traballo social; 32 en apoio psicolóxico e 6 en mediación intercultural.

 

Descargar todas as imaxes