O alcalde anima á cidadanía a participar na carreira Ponlle freo, “unha proba coa visión da solidariedade e da seguridade”
A carreira solidaria e de concienciación cidadá Ponlle freo volve este domingo ás rúas de Vigo por terceira oportunidade e por segundo verán consecutivo, anunciou hoxe o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, por responsábeis da organización (Atresmedia), de Stop Accidentes e do patrocinador principal (Fundación AXA), a atleta olímpica Ester Navarrete ou os atletas Roberto Rey, Noemí Álvarez e Celso Comesaña, entre outros, o rexedor explicou que a proba, para dúas distancias (5.000 e 10.000 metros), está marcada para este domingo, ás 10:00 horas, con saída única e chegada na Porta do Sol.

Caballero non duvidou en definir a carreira como “unha proba coa visión da soliedaridade e da seguridade”, aplaudindo ademais a “unión” de varios sectores para concretar esta organización.
Vigo repite sede dunha das dez carreiras do programa Ponlle freo 2025, idéntico ao de 2024 e que os organizadores pensan en ampliar nos vindeiros anos.
Un circuíto de 5K que sae da Porta do Sol, chega a Isaac Peral, regresa polo Areal e a Alameda para, dende a entrada ao porto pesqueiro, regresar ata o Casco Vello para subilo e rematar no punto de partida, convertirase nun 10.000 para quen queira correr esta distancia. A saída é a mesma e varía dende a entrada ao porto pesqueiro: os “runners” continuarán ata Astaleiros Freire e logo volverán a rúa Coruña, Praza de América, López, Camelias, Romil e Falperra para, chegados ao Olivo, baixar por Poboadores e San Francisco ata o Berbés e dende alí, recuperar o trazado dos 5K ata a Porta do Sol.
“A Ponlle freo é a segunda carreira en número de participantesna cidade despois da Vigo contra el cáncer”, lembrou Pablo López-Barajas, director de Soluciones Especiales y Eventos de Atresmedia Publicidad. A intención dos organizadores é convertila na número un “para demostrar o solidaria que é esta cidade”, dixo Francisco Javier Parra, director territorial da zona oeste de AXA.
Un milleiro de persoas participaron nas dúas anteriores oportunidades. Nesta edición esa cifra xa está superada (“estamos por enriba”, dixo Parra), informou a organización, que espera un novo récord d inscricións, abertas ata o venres na web ponlefreno.com (14:00 horas).
A iniciativa naceu no 2009 e estendeuse dende Madrid ao resto do país. O sábado poderanse recoller os dorsais no Centro Comercial Gran Vía (10:00-20:00 horas).

