“A fala de Vigo”, de Xosé Enrique Costas, o libro para sentir orgullo da nosa lingua
O alcalde e a concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Olga Alonso, participaron na presentación desta obra que recolle as particularidades do galego de Vigo e que ten por obxectivo “estar orgullosos da lingua dos nosos pais e que os novos vigueses coñezan a lingua e a practiquen”, afirma o autor.

“A fala de Vigo. Trazos diferenciais da variedade dialectal do Val do Fragoso”, libro editado polo Concello de Vigo e pola Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, con prólogo de Xosé Luís Méndez Ferrín e coa colaboración da Asociación de Faladoiros de Vigo, vén de presentarse en Praza do Rei.
O alcalde felicitou ao autor polo “interese do libro, enormemente ameno cunha capacidade singular de atraer lectores” e puxo en valor que a obra permita “asentar o propio concepto de cidade, nun territorio con expresións e formas de falar singulares e asentadas”.
O autor, Xosé Enrique Costas, catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo, compila na obra as particularidades da fala de Vigo, recolle frases e refráns propios da cidade e cita máis de 800 voces senlleiras de Vigo, que non son exclusivas do Val do Fragoso pero que si son características do noso falar. É a segunda edición do traballo, aumentado e mellorado, tal e como explicou. “Detalla as particularidades da fala de Vigo, dos nosos pais e nais, das nosas avoas, que levan falando aquí, desta maneira, polo menos 1300 anos e impregnando o tipo de castelán que se fala en Vigo”, apunta Costas.
Xosé Enrique Costas racha co tópico ao sinalar que “en Vigo fálase galego e é moito o léxico do galego de Vigo incorporado ao castelán da cidade, tamén fraseoloxía. Con todo recoñece que “estamos nun momento de retroceso histórico do galego e pódense facer cousas para converter Vigo nunha cidade modélica na súa recuperación, como é a publicación deste libro. Aquí está o motor editorial de Galicia, aquí está o mellor da literatura galega. E Vigo sempre é sinónimo de progreso, de iniciativa, e podería ser exemplo desta recuperación”.
Sobre o uso particular dos verbos ver e mirar, Costas explica que o lexema mirar se emprega desde o século XIII, da man dos tres trobadores da ría de Vigo: Martín Códax, Mendiño e Xoán de Cangas. “O resto non empregaban o mirar”. Este é, apunta, un libro para estar orgullosos da lingua dos nosos pais, da nosa lingua, e que as novas viguesas e vigueses a practiquen. Todo o galego que se fala é bo. O único malo é o que non se fala e os dialectalismos marcan a autenticidade”.
O Concello vai distribuír exemplares nos centros educativos da cidade, nas asociacións culturais, educativas, deportivas, bibliotecas e calquera persoa que desexe ter un exemplar poderá recollelo na área de Normalización Lingüística municipal, en Praza do Rei. O autor dedica o libro a Marta Souto, quen fora responsable da área de Normalización Lingüística do Concello, falecida en 2024, e a Nacho Mirás, xornalista vigués, de Mantelas, quen faleceu en 2015.