O goberno local inviste 780.000 euros en 12 colexios durante o verán
O alcalde informou do avance das obras de mantemento, mellora e novas dotacións nos centros educativos de Vigo, entre as que figura a substitución da cuberta e reparación dos muros do CEP Celso Emilio Ferreiro.

O Concello está a acometer actuacións en 13 colexios de Vigo durante o verán. O investimento ascende a 780.000 euros. Caballero explicou que son obras de mantemento, mellora e novas dotacións para os centros educativos. Entre as actuacións destaca a substitución da cuberta do CEP Celso Emilio Ferreiro cun importe de 577.000 euros, onde tamén se está reparando o peche de pedra. O alcalde lamentou que a Xunta "se negara a substituír a cuberta que tiña fallos estruturais, con risco para nenos e nenas e por iso o asume o Concello".
No García Barbón haberá un novo pintado das liñas de xogo no pavimento do pavillón; no Sárdoma Moledo novo pintado do circuíto de seguridade viaria e arranxo dos piares de entrada; no Igrexa de Candeán novo pavimento para a pista polideportiva; no Carrasqueira e Eduardo Pondal novo pavimento para a pista de xogos; no Sello de Cabral aplicarase antiescorregadizo; o Lope de Vega terá unha reparación do peche metálico no recinto escolar; no Josefa Alonso haberá unha reparación do teito do soportal, o hall e a entrada de educación infantil; novas tellas no Mestres Goldar; reparación das baixantes no edificio principal; e peche lateral do recinto escolar no Mosteiro Bembrive.