Escoitar

O Concello deseñará un Plan Integral de Xuventude a nivel local

A Unión Europea ven de aprobar a cofinanciación do proxecto de dinamización de participación xuvenil de Vigo que presentou a Concellería de Xuventude. Belén Sío , titular de xuventude do Concello, manifestou que o proxecto ten como finalidade deseñar un Plan Integral da Xuventude a Nivel Local que ten un orzamento total de 153.846 euros e un prazo de execución ata o 2005.

venres, 5 dec 2003
10706256571064494472belen.jpg
Belén Sío
O proxecto tenta involucrar ós/ás xoves a título individual, ós colectivos formais e non formais de xoves, ademais de a outras institucións e entidades que traballan coa xuventude, nun proxecto piloto de creación de redes a nivel local de transmisión da información, de utilización de espacios, de educación formal e non formal.Tamén promove-la participación dos/das xoves nas políticas de xuventude a nivel local, fomentando deste xeito a súa integración como cidadáns activos/as na sociedade.

OBXECTIVOS:
1. Promove-la creación de redes entre as organizacións e colectivos xuvenís (grupos informais), que posibiliten a colaboración e cooperación.
2. Posibilita-la participación dos/das xoves nas liñas de actuación das políticas xuvenís do Concello de Vigo.
3. Dinamiza-las organizacións de xoves, formais e informais, como forma de crear estructuras permanentes e propias da xuventude, promovendo así experiencias de participación democrática e de resposta colectiva ás inquedanzas individuais.
4. Apoia-la realización de actividades de participación e divulgación xuvenil.
5. Facilita-las iniciativas dos/das xoves, sobre todo a de aqueles/as que teñen menos posibilidades, establecendo os apoios necesarios e dende unha metodoloxía de acompañamento e formación informal e non formal.
6. Promove-la utilización de espacios naturais como un territorio de encontro, participación e expresión xuvenil.

ACTIVIDADES:
1. Creación dun centro de recursos asociativos que inclúa actividades como:
a) Servicios de apoio á xestión de organizacións xuvenís
b) Soporte técnico á organización de participación e divulgación xuvenil
c) Formación en rede
d) Boletín xuvenil/web
e) Promoción de redes asociativas sectoriais
f) Campañas de mellora asociativa
2. Accións de participación e divulgación xuvenil
a) Xornadas de planificación, reflexión e avaliación sobre as políticas de xuventude realizadas na cidade
b) Feira de xuventude, onde tódolos colectivos xuvenís poidan darse a coñecer e amosa-las actividades que realizan
c) Actividades orientadas en base a centros de interese: concertos musicais, exhibicións de graffiti, campionatos de skate e roller, circuítos de teatro, etc.
3. Dinamización xuvenil en espacios naturais
a) Actividades ó aire libre: xogos, deportes, música, etc.
b) Obradoiros de actividades demandadas polos propios xoves
c) Punto de información xuvenil
d) Ciber gratuíto e cursos informáticos
4. Creación de estructuras estables de participación

ORZAMENTO:
Aportación do Concello de Vigo-53.846,11 €
Aportación da Comisión Europea-100.000,00 €
Total-153.846,11 €
Descargar todas as imaxes