Vigo dedica 1.390.000 euros para o fomento do emprego en entidades sen ánimo de lucro
O alcalde informou que a Xunta de Goberno aprobou a convocatoria e as bases reguladoras do programa ao que poderán acollerse as entidades que tiñan contratado persoal desde agosto do ano 2024 ata o 31 de xullo de 2025.

Abel Caballero subliñou que poden concorrer á convocatoria as asociacións veciñais, sindicais, sociais, deportivas, comunidades de montes e entidades empresariais sen ánimo de lucro que fomenten o emprego, o asociacionismo e a participación cidadá en Vigo.
O goberno local dedica case 1,4 millóns para os dous programas de subvencións. Por unha banda, o fomento do emprego a través de novas contratacións ou transformacións de contratos de temporais a indefinidos. Por outra banda, o programa tamén dedica unha liña para fomentar a estabilidade do persoal contratado.
“Seguimos traballando desde o Concello para mellorar o emprego e o número de empregadas e empregados na cidade”, concluíu o rexedor.