Escoitar

Caballero traslada aos clubs de fútbol “a indebida exclusión de Vigo” como sede do Mundial 2030

Entidades do fútbol local amosaron o respaldo unánime na defensa dos dereitos da cidade durante o encontro organizado esta mañá na Alcaldía. O rexedor vigués criticou o papel do Partido Popular da cidade, tras a súa intervención no Pleno Ordinario de abril no que “deixaron constancia, unha vez máis, do seu apoio a Rafael Louzán e á Federación Española na exclusión de Vigo”.

mércores, 30 abr 2025

O alcalde de Vigo mantivo esta mañá un encontro cos representantes dos clubs de fútbol da cidade no que trataron “a indebida exclusión de Vigo” como sede do Mundial 2030. Na reunión, explicoulles a importancia de ser sede, avanzándolles a transformación a que se sometería o estadio municipal de Balaídos, cunha ampliación da grada de Tribuna para alcanzar os 43.500 espectadores.

Caballero incidiu tamén nas novas instalacións que habería que acometer, coa construción de novos campos para os adestramentos dos conxuntos nacionais que nos visiten. Finalizou destacando a relevancia de acoller este evento para a imaxe do deporte vigués. O sector mostrou un respaldo unánime na defensa dos dereitos da cidade ante esta “inxustiza”.

O rexedor referiuse ao papel do Partido Popular da cidade, lembrando a intervención da súa presidenta no último Pleno Ordinario. Criticou as súas verbas porque “deixaron constancia unha vez máis do seu apoio a Rafael Louzán e a Federación Española na exclusión de Vigo”e "imos defender a cidade de Vigo con uñas y dientes".

Caballero citou palabras textuais de Luisa Sánchez nas que afirmou respecto da candidatura viguesa: “Como la de Vigo aprobó, pero sólo con un 5 raspado, también la acabó superando la de San Sebastián”, comentario que causou a indignación do primeiro edil vigués xa que “non plantexan que o incremento da nota de Anoeta aínda non se sabe como se fixo, quen o firmou, onde foi a reunión, con que criterios e de que forma”. “O Partido Popular da cidade está avaliando á Federación cando exclúen a Vigo” e “claro que o proxecto de Vigo era imbatible, cando se aplican as normas. Era tan imbatible que, aínda que nos cualificaron baixo, eramos cidade sede do Mundial e tiveron que facer unha corrección de notas”, finalizou o alcalde.

Descargar todas as imaxes