Escoitar

O Concello aumenta a cobertura de Salvamento e Socorrismo a 13 praias e adxudica o servizo por 3,5 millóns

A Xunta de Goberno, programada para o venres 2 de maio, aprobará a adxudicación do Servizo de Salvamento e Socorrismo en 13 praias de Vigo desde 2025 a 2028 por un importe de 3,5 millóns de euros, segundo avanzou este mércores o alcalde.

mércores, 30 abr 2025

Abel Caballero explicou hoxe que o goberno municipal aproba a adxudicación da prestación de servizos por moitos anos para "ter garantida a asistencia e o Servizo de Socorrismo e Salvamento".

O rexedor detallou que cada ano o Concello destina 850.000 euros no servizo de salvamento e socorrismo nas praias mentres "a Xunta non coopera en nada" a pesar de apelar ao turismo. "Falan de turismo na Xunta pero quen paga é o Concello de Vigo", recalcou.

O rexedor detallou que a administración municipal viguesa este ano aumenta nun areal, á praia de O Mende de Teis, o servizo de socorrismo e salvamento, pasando de 12 a 13 praias con seguridade. "Queremos que a praia de Mende tamén sexa bandeira azul" e contar co distintivo en Rodas, Fortiñón, Canido, O Vao, Fontaíña, Samil, Argazara, A Fonte, Santa Baia , Carril, O Adro e A Punta.

O servizo contempla como novidade deste ano a incorporación da vixilancia e rescate con motos acuáticas que terá a Samil como centro base para atender ás necesidades do resto das praias de Vigo

A partir do 15 de xuño, e ata o 15 de setembro, estarán activos os dispositivos de seguridade.

O catálogo de atencións a cidadanía integra a vixilancia dos areais por parte dos socorristas que se encargarán de facer respectar os sinais das zonas de uso das praias e os distintos avisos, así como os rescates na auga, e os avisos de emerxencia. A isto súmase a asistencia sanitaria de primeiros auxilios, unha ambulancia para as persoas súfranse un accidente, e a seguridade e a accesibilidade no baño de persoas con mobilidade reducida.

Descargar todas as imaxes