Escoitar

O Auditorio Municipal acollerá o I Certame Teatro Amador ata finais de xuño

O edil de Cultura, Gorka Gómez, presentou xunto aos grupos de teatro amador a programación que se desenvolverá desde este sábado, 3 de maio, e ata o 29 de xuño con 13 actuacións no Auditorio Municipal. As funcións teatrais serán de balde e as persoas asistentes poderán aportar o que consideren ao remate.

mércores, 30 abr 2025

Os grupos de teatro amador encherán o Auditorio Municipal desde este sábado 4 de maio ata o 29 de xuño. O goberno local pon en valor a estas agrupacións afeccionadas “que realizan normalmente a súa actividade en entidades, locais veciñais e culturais” para achegar a cultura do teatro non profesional a toda a cidadanía de Vigo.

Así, Vigo celebra o I Certame de Teatro Amador no Auditorio Municipal con 13 funcións teatrais. “Quero agradecer aos grupos de teatro que participen neste certame e animar aos vigueses e viguesas a que se acheguen ao Auditorio da Praza do Rei os sábados e domingos dos próximos dous meses”, dixo Gómez.

En palabras de Gómez, este ciclo é unha aposta máis do goberno local de manter a programación no Auditorio Municipal durante todo o ano. As actuacións do I Certame de Teatro Amador de Vigo serán de balde, co método “billeteira inversa”, onde as persoas pagarán ao remate o que consideren oportuno.

Pola súa Banda, César Taboada, en representación dos grupos teatrais, puxo de manifesto que “Vigo é a mellor cidade para vivir pero tamén a mellor cidade para a cultura en todos os ámbitos, e isto é unha forma de facer chegar á cidadanía o que facemos”.

Descargar todas as imaxes