Caballero felicita á cidadanía de Vigo polo seu “extraordinario” comportamento ante o apagamento
O alcalde felicitou este martes a toda á cidadanía de Vigo, ás forzas de seguridade locais e estatais, bombeiros e Protección Civil, pola “extraordinaria e excepcional” resposta proporcionada ante o corte de subministración eléctrica que afectou a todo o país. “Teño un inmenso orgullo de ser alcalde de Vigo e ver como, nunha situación tan complicada, as viguesas e os vigueses asumírono con sentido común e sabendo que era un incidente serio, grave, ao que eramos capaces de facerlle fronte. A cidade estivo á altura das circunstancias”, asegurou Abel Caballero ao finalizar a cuarta reunión do comité municipal de emerxencia onde se constatou a recuperación da normalidade na urbe. O rexedor anunciou que, rematadas as reunións do comité, o Concello mantén a vixilancia "permanente".

A primeiras horas deste martes o alcalde confirmou a recuperación da normalidade da actividade e mobilidade na cidade desde o inicio da madrugada, co funcionamento do cento por cento da rede semafórica, do transporte urbano e o control do tráfico polos axentes do servizo da Policía Local. “Vigo está xa, practicamente, na norma do funcionamento dun día calquera”, afirmou Abel Caballero ao apuntar a prestación do servizo de recollida de residuos sen incidencias, así como o funcionamento a pleno rendemento da Estación Depuradora de Augas Residuais, da potabilizadora, e a reapertura do túnel de Beiramar ás sete da mañá.
O alcalde sinalou que a recuperación da subministración de enerxía eléctrica en Vigo arrincou ás dúas da madrugada nas parroquias de Cabral e de Sampaio, para continuar ás tres no centro, e ás catro da mañá en Coia, Navia e Coruxo. O Concello recuperou todos os seus servizos desde primeiras horas desta mañá, incluídos os telemáticos.
Caballero insistiu no “excepcional” comportamento da cidadanía de Vigo. "As viguesas e os vigueses estiveron á altura das circunstancias e isto axudou moitísimo porque non houbo ningún pánico nin situación de extralimitación e, por tanto, unha cidade, coas forzas de seguridade e servizos de funcionamento, moi preparada para facer fronte a esta circunstancia", recalcou.
Operativos
Caballero incidiu en que a cidade estivo atendida por 25 patrullas da Policía Nacional, por 19 da Policía Local, así como por Protección Civil e polo Servizo de Extinción de Incendios con camións percorrendo a cidade durante toda a noite, ademais dos dous reténs en atención. Así mesmo, o Servizo de Teleasistencia realizou 2500 chamadas telefónicas ás persoas usuarias.
O alcalde detallou que desde o inicio da crise o comité de emerxencia local entrou en actividade cunha primeira reunión ás 12.40 do mediodía do luns, para continuar ás 13.30, 16.30, 20.30 e a realizada ás 9.00 desta mañá. "Fixemos seguimento durante practicamente toda a noite e comprobamos o funcionamento da cidade", incidiu o rexedor.
A dificultade de dispoñer de combustible para os servizos da Policía Nacional e Local e de Bombeiros quedou liquidada na reunión celebrada ao mediodía de onte a través da concesionaria do servizo de transporte urbano, Vitrasa, que puxo ao dispor do Concello o seu depósito para abastecer as necesidades de combustible das frotas.
Desde a administración local mantívose durante toda xornada de onte o seguimento do funcionamento dos centros sanitarios e escolares, ademais do transporte público de autobuses.
Ante o esforzo das forzas de seguridade do Estado, Caballero remarcou a súa felicitación “moi” especial. Durante as reunións do comité local de seguridade estivo o comisario da Policía Nacional, a concelleira e o responsable da Policía Local, dos Bombeiros e de Protección Civil e o funcionamento dos corpos e forzas de seguridade do Estado foi excepcional", afirmou. O alcalde estendeu a súa felicitación a Vitrasa polo seu funcionamento.
Incidencias
Caballero explicou que a Policía Local contabilizou 15 incidencias. Entre as máis significativas atópase o auxilio a unha muller que entrou en parada cardiorespiratoria en Travesía de Vigo e foi que foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro. Ademais, a media noite o Concello achegou ao Hospital Povisa unha emisora para facilitarlle a comunicación de incidencias. A isto hai que sumar a detención dunha persoa na Praza Fernando o Católico por quebrantar unha orde de afastamento. A estas hai que añadir as intervencións do Servizo de Extinción de Incendios por dous incendios nunha cafetería na rúa Estorniño, e nunha vivenda en García Barbón, que foron controlados inmediatamente, e tres actuacións por inundacións en garaxes Travesía de Vigo, Clara Campoamor e Numancia, ademáis de tres aperturas urxentes en garaxes das rúas Zamora e Travesía de Vigo e en Lavadores.
O rexedor explicou que, por precaución, ata novo aviso manteranse as restricións de baño no mar pola falta de funcionamento da estación depuradora.