O Pleno acorda a reprobación do presidente da RFEF esixindo a restitución de Vigo como sede do Mundial
Na sesión plenaria desta mañá aprobouse unha resolución que reproba a actuación de Rafael Louzán esixíndolle explicacións e que Vigo sexa restituída como sede do Mundial 2030. O texto validado lamenta o silencio “atronador” do presidente da Xunta e do presidente da Deputación respecto da exclusión de Vigo.

A maioría do Pleno aprobou esta mañá reprobar a actuación de Rafael Louzán pola inexplicable exclusión de Vigo como sede do Mundial. Ademais de reclamar a inmediata restitución da cidade, o texto reproba as declaracións e actuacións da presidenta do Partido Popular de Vigo cando aludiu “ás carencias” técnicas da candidatura viguesa. O segundo tenente de alcalde e concelleiro de Fomento, Javier Pardo, lamentou o silencio “atronador” do presidente da Xunta e do presidente da Deputación, así como a “complicidade” do representante do BNG ao coñecerse o escándalo no procedemento de selección das sedes mundialistas. Esta moción saíu adiante cos votos favorables do PSdeG e a abstención do PP e do BNG.
Centros de ensino
Outra das resolucións adoptadas esta mañá pasou por reclamar á Consellería de Educación a inversión necesaria e suficiente para a reforma integral dos colexios públicos que así o precisen. A edil de Educación, Olga Alonso, lembrou na súa intervención que a antigüidade de algunhas instalacións fan totalmente necesaria e imprescindible unha reforma integral. Segundo a proposta aprobada, a reformas máis urxentes deberían acometerse este mesmo verán, aproveitando o período de vacacións escolares. O texto saíu validouse cos votos socialistas e nacionalistas e o voto contrario dos populares.